Ethel Vázquez adianta que a Xunta completará as obras do enlace da N-VI e non avanzará “nin un centímetro máis” na Vía Ártabra sen plenas garantías xurídicas

Lembra que foi o director xeral de Estradas do Goberno bipartito o que aprobou, mediante unha resolución, o trazado da conexión da Vía Ártabra coa AP-9, en lugar de elevalo ao Consello da Xunta, decisión agora cuestionada pola xustiza

Lamenta que entre o Bipartito e o Concello de Cambre lograsen o “fito histórico de converter en polvo o traballo de 20 anos” para dotar a área da Coruña dunha infraestrutura esencial por razóns de competitividade e de seguridade viaria

Advirte de que queda en suspenso un investimento de 40 M€ e as obras paralizadas de forma indefinida, a falta de que os servizos xurídicos decidan sobre a presentación dun recurso
 

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

A Xunta rematará as obras iniciadas no enlace coa N-VI e non avanzará “nin un centímetro máis” na Vía Ártabra ata ter plenas garantías xurídicas para facelo. Así o trasladou esta tarde no Parlamento de Galicia a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, onde valorou as consecuencias das sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que son, lembrou, consecuencia de decisións adoptadas polo Goberno bipartito.
Destacou que foi o director xeral de Estradas dese Goberno bipartito o que aprobou, mediante unha resolución, o trazado que sustenta a conexión da Vía Ártabra coa AP-9, en lugar de elevalo ao Consello da Xunta, decisión agora cuestionada pola xustiza.

A conselleira lamentou que entre os socialistas do Bipartito e o alcalde de Cambre, lograsen o “fito histórico de converter en polvo o traballo de 20 anos, deixar en suspenso un investimento de 40 M€ e que as conexións coa A-6 e coa A-9 queden como están agora”, e permanezan en suspenso. ”Non se sabe aínda canto tempo nin que subrecusto suporá para todos os galegos”, subliñou.

A ese respecto, indicou que os servizos xurídicos da Xunta decidirán sobre a conveniencia de presentar ou non un recurso contra as sentenzas.

Ethel Vázquez lembrou que as obras teñen a Declaración de Impacto Ambiental, o que permitiu iniciar a súa execución. Ademais, dixo, a Xunta axustou a configuración para incrementar aínda máis a protección á zona húmida da Gándara, iso sen contar o traballo da Xunta para conseguir a autorización do Ministerio de Transportes para a conexión coa AP-9.

Apuntou á ofensiva xudicial emprendida polo Concello de Cambre como responsable de que a Vía Ártabra quede paralizada.
Sinalou, ademais, que as sentenzas ditadas polo TSXG rexeitan o procedemento seguido, pero non a decisión de entroncar a Vía Ártabra coa AP-9 no lugar da Gándara, un aspecto determinado polos técnicos do bipartito e polos técnicos do actual Goberno. “Afortunadamente, os trazados das estradas non os deciden os políticos, senón os técnicos de estradas”, remarcou a conselleira.
Por ese motivo descartou o respaldo técnico á pretensión do Concello de Cambre de que a AP-9 se materialice en Catro Camiños, por ter un impacto moito maior, por achegar menos seguridade viaria, por incumprir a normativa de trazado e por ser contraria ao criterio do Ministerio de Transportes, que, sen embargo, autorizou en 2009 e en 2021 a conexión na Gándara.
 

Imaxes relacionadas