A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu esta tarde no Parlamento de Galicia

Ethel Vázquez destaca que 925 servizos de autobús semanais conectan a comarca co Barbanza e avanza un reforzo das comunicacións con Santiago

Vázquez Mourelle precisa que en días laborables, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira están conectados por 35 servizos de ida e volta entre as 6:20 e as 23:30 horas

Sinala que entre Ribeira e Santiago hai, os días laborables, 34 frecuencias, 23 por estrada e 11 servizos semidirectos, que se reforzan con 4 servizos máis os venres

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe no Parlamento que os veciños da comarca do Barbanza dispoñen de 925 servizos semanais para cubrir os desprazamentos nos autobuses interurbanos da Xunta, que está a traballar nun reforzo das comunicacións con Santiago.

Vázquez Mourelle precisou que en días laborables, que son os que concentran a maior demanda, os concellos de Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira están conectados entre si por 35 servizos de ida e volta entre as 6:20 da mañá e as 23:30 horas.

Engadiu a estes servizos outros 68 diarios entre A Pobra e Ribeira, así como 29 expedicións na franxa horaria de 6:45 a 22:30 horas entre Ribeira e Noia.

Sinalou que entre Ribeira e Santiago hai os días laborables 34 frecuencias, 23 por estrada e 11 servizos semidirectos, que se reforzan con 4 servizos máis os venres.

Ademais recordou que o pasado mes de outubro a Xunta trasladou aos concellos unha proposta para reforzar os servizos de conexión directa con Santiago de Compostela e reducir os tempos de viaxe nas horas de maior demanda.

Neste sentido, sinalou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está pendente de que os concellos trasladen as achegas que consideren oportunas para tomar decisións a este respecto.

Fixo fincapé en que a oferta dos autobuses interurbanos da Xunta no Barbanza é moi ampla en cantidade de servizos e en cobertura horaria, pensada para dar resposta ás necesidades dos veciños.

Adiantou que a partir do vindeiro mes de setembro o 90% dos autobuses que prestan servizo nesta comarca estarán adaptados para persoas con mobilidade reducida.

Plan de Transporte Público de Galicia

Destacou que estes servizos, enmarcados no Plan de Transporte Público de Galicia, son modernos, viables, sostibles e útiles, pero sobre todo, adaptados ás necesidades reais dos veciños.

A este respecto, indicou que a Xunta vén realizando un seguimento continuo e exhaustivo dos servizos para garantir que se axustan ás necesidades de mobilidade da cidadanía. Para isto, concretou que o plan está vivo, polo que se efectúan continuas melloras de horarios, frecuencias e reforzos.

Cómpre lembrar que a Xunta, tras activar a concesión correspondente nesta bisbarra, en febreiro de 2021 efectuou optimizacións nos servizos.

Ademais, en novembro, coincidindo co reinicio da actividade laboral e lectiva presencial tras o remate do confinamento, tamén acometeu unha serie de melloras.

A maioría das modificacións situáronse na franxa dos 15 minutos como máximo, co fin de mellorar a coordinación dos servizos e reforzar a súa puntualidade, tanto nas liñas operativas entre os concellos da comarca como nas conexións con Santiago. Tamén se incorporaron 7 paradas máis baixo demanda en 8 liñas da comarca.
 

Imaxes relacionadas