O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade defende ante o Parlamento o modelo galego baseado na calidade e o esforzo e avalado polos resultados

Galicia reforzará os contidos humanistas nos currículos educativos coa incorporación da historia anterior a 1812 en bacharelato

Román Rodríguez destaca a importancia de formar “cidadáns libres, críticos e analistas” fronte á cultura do “tanto dá e do facilismo” que promove o Goberno do Estado

Advirte de que a tardanza do Ministerio na publicación dos currículos “pon en grave risco” a organización do vindeiro curso así como “a calidade, a igualdade e a equidade do noso modelo propio”

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

Galicia vai reforzar os contidos humanísticos nos currículos educativos coa incorporación da Historia anterior a 1812 en Bacharelato, cuestión que o Goberno do Estado obviou introducir nos textos e que a Xunta considera fundamental no desenvolvemento académico do alumnado, e que se compaxinará co impulso das competencias STEM (Ciencias, Matemáticas e Tecnoloxía).

Así o asegurou esta tarde ante o Pleno do Parlamento o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que defendeu a importancia da formación humanística, que resulta elemental na responsabilidade de “formar cidadáns libres, críticos e con capacidade analítica”, fronte ao “tanto dá e do facilismo” que promove o Goberno do Estado. Unha liña de traballo que, abondou o conselleiro, “é todo o contrario da aposta pola calidade e a cultura do esforzo que en Galicia está avalada polos resultados”, en alusión aos datos PISA ou á redución do abandono temperá ao histórico 8,1% (fronte ao 25,8% de 2009).

Modelo galego de éxito

Román Rodríguez defendeu o modelo educativo propio de Galicia como “un modelo de éxito” que ofrece certezas a través de proxectos consolidados e renovados para afrontar os novos retos educativos. “Un logro compartido -subliñou- grazas ao traballo conxunto da Administración educativa, equipos directivos, docentes, alumnado e familias”.

Non obstante advertiu que este modelo “vaise ver afectado polos cambios derivados da nova lei educativa debido á irresponsabilidade do Ministerio, á falta de consistencia e ás eivas académicas nos textos propostos así como ao inadmisible retraso na aprobación dos currículos”. “Vemos en serio risco a calidade, a igualdade e a equidade do modelo educativo galego polos incumprimentos e retrasos do Ministerio na aprobación definitiva dos currículos da LOMLOE”, lamentou.

Prazos incumpridos

En opinión de Román Rodríguez, esta confluencia de elementos “está a provocar grandes incertezas para a comunidade educativa, especialmente para os equipos directivos e os docentes, que teñen que organizar e preparar a parte académica de cada unha das materias e que, como levamos insistindo desde fai meses, estamos xa cos prazos moi axustados”. “Aínda non coñecemos oficialmente o texto do de Bacharelato -aprobado hoxe no Consello de Ministros-, e o de ESO aprobouse na última semana de marzo”, recordou.

A isto engádese, ademais, que os currículos publicados polo Ministerio difiren dos borradores remitidos con anterioridade, polo que agora os 27 grupos de traballo que en Galicia levan meses preparando a parte autonómica á espera dos textos definitivos da parte estatal, teñen que volver a revisar todos os contidos e facer os axustes necesarios antes de completar os trámites administrativos que esixen estes textos normativos e que supoñen unha media de sete meses.

A Consellería vai levar a cabo este processo coa máxima celeridade, pero cómpre ter en conta que os textos dos currículos son decretos que deberán ser remitidos á Asesoría Xurídica Xeral para a súa consulta, pasar os trámites de información oportunos, co informe preceptivo do Consello Escolar e informe favorable do Consello Consultivo de Galicia, entre outros, antes de ser aprobados en Consello da Xunta e publicados no Diario Oficial de Galicia para a súa entrada en vigor.

Malia estas adversidades, o representante da Xunta de Galicia comprometeuse a “respectar o marco normativo estatal sen renunciar ao mantemento dun modelo educativo propio e de calidade para o ensino galego”. “É momento de pensar no noso ensino, de recoñecer o que funciona ben e de seguir mellorando. Galicia está lexitimada para poñer en valor o seu modelo educativo porque abrangue proxectos educativos acordes cos retos que vive a sociedade actual”, rematou.

Imaxes relacionadas