A delegación territorial de Vigo albergará a réplica da maqueta do Plan Palacios para Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto co director do IES Politécnico de Vigo, Eulogio Leites, e a directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio, reuníronse hoxe para ultimar os detalles do traslado

A maqueta formaba parte das pezas da exposición Antonio Palacios. Soños de modernidade, compromiso con Galicia, que se despedía este domingo do público tras recibir 10.000 visitas

Vigo, 5 de abril de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto co director do IES Politécnico da cidade, Eulogio Leites, e a directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio, reuníronse hoxe para ultimar os detalles do traslado da maqueta do Plan Palacios para Vigo.
Segundo informou a representante autonómica, a peza que recrea o Gran Vigo do urbanista e arquitecto galego, elaborada polo alumnado do IES Politécnico, quedará instalada na segunda quincena do mes de abril na planta baixa da Delegación Territorial da Xunta en Vigo. Desta maneira, poderá ser contemplada por todo aquel que vaia a realizar xestións na sede autonómica.
Tal e como especificou Fernández-Tapias, o seu traslado precisará de tempo para completarse, pois a maqueta está composta por varias pezas individuais e especialmente delicadas que requiren que durante a manipulación se extreme a súa protección.
A réplica do Plan Palacios para Vigo formaba parte da exposición Antonio Palacios. Soños de modernidade, compromiso con Galicia, que desde o pasado 13 de novembro se exhibía no Museo do Mar de Galicia xunto con outras 200 pezas, algunhas nunca expostas antes, en homenaxe ao urbanista vigués. Tras ser prorrogada dous meses en resposta ao elevado interese que espertou no público se despedía este domingo tras recibir a visita de preto de 10.000 persoas.

Antonio Palacios

Recoñecido por diferentes estudosos como a figura de maior interese na arquitectura española dos primeiros anos do S.XX, Antonio Palacios naceu no Porriño en 1874 e morreu en Madrid en 1945. Estudou arquitectura en Madrid, cidade na que levou a cabo un dos seus primeiros proxectos tras gañar, xunto ao seu compañeiro de carreira Joaquín Otamendi, o primeiro premio no concurso para construír o Palacio de Comunicacións de Madrid, en Cibeles.
Na súa ampla carreira profesional levou a cabo numerosos proxectos tamén en Galicia, incluíndo varios para reformas urbanas e plans de ensanche e modernización, como os preparados para Vigo e Vilagarcía de Arousa nos anos 20, entre outros.

Imaxes relacionadas