Arias felicita a Mateo Rubal pola medalla de ouro que o acredita como o mellor estudante de soldadura de España

Viveiro (Lugo), 5 de abril de 2022

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o IES María Sarmiento de Viveiro para felicitar persoalmente a Mateo Rubal, que vén de gañar a medalla de ouro como mellor soldador no certame Spain Skills para estudantes de Formación Profesional, celebrado en Madrid. Rubal representaba a Galicia logo de gañar a final autonómica, á que asistiu como alumno do instituto viveirense.

O delegado territorial tamén felicitou a Sergio Martínez e Adrián López, estudantes do mesmo centro que participaron na final estatal, na que Galicia logrou un total de cinco medallas, quedando terceira en número de medallas de ouro -tres, más unha de prata e outra de bronce-, empatada con Euskadi e Castela e León, e só por detrás de Cataluña e Andalucía.

Arias gabou o gran traballo dos alumnos e dos docentes “que son a mellor manifestación da excelencia da FP galega e nos anima a continuar impulsando estas ensinanzas segundo a folla de ruta marcada na Estratexia FP Galicia 2030”, destacou.
 

Imaxes relacionadas