A Xunta incrementa nun 66 % o seu patrocinio á Vig Bay que xa é ‘unha das mellores maratóns do mundo’

O secretario xeral destaca que o deporte galego recupera a normalidade con carreiras como a Vig-Bay e que o atletismo galego, vive un dos seus momentos dourados coa “primeira medalla olímpica, os cen anos da federación ou o segundo campionato absoluto celebrado en Expourense, que respalda a política da Xunta da compatibilidade de usos nos recintos feirais”

A delegada territorial sinala que “dende o nacemento da Vig-Bay, a carreira converteuse nun símbolo da unión de tres concellos veciños e no mellor exemplo de que o entendemento e a colaboración son as mellores fórmulas para avanzar”

Vigo, 5 de abril de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, participaron na mañá de hoxe da presentación da XXI Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay (21.097,50 metros) que ademais, neste ano, inclúe a 2ª edición da maratón (42.195 metros) e a 1ª da mini bay “da media, a metade” (10.548,75 metros). O secretario xeral para o Deporte definiu o percorrido urbano entre os concellos de Vigo, Baiona e Nigrán como “unha beleza da natureza e un escenario inigualable” que contribúen á que a Vig-Bay sexa “unha das mellores maratóns do mundo”.

Neste sentido, o secretario xeral destacou que a Xunta de Galicia amosa ano tras ano o seu compromiso cos grandes eventos do deporte galego e, neste caso, “vén de incrementar o patrocinio da Vig-Bay nun 66 % ata os 5.000 euros tras dous anos de obrigado parón pola pandemia”. Lete Lasa subliñou o “excelente comportamento” do deporte galego que mantivo a súa actividade durante a crise sanitaria ”cumprindo escrupulosamente os protocolos FISICOVID e usando tests e máscaras que permitiron que Galicia fora unha das comunidades con mellores datos epidemiolóxicos”. Hoxe o deporte galego recupera a normalidade con carreiras como a Vig-Bay e precisamente o atletismo galego, vive un dos seus momentos dourados coa “primeira medalla olímpica, os cen anos da federación ou o segundo campionato absoluto celebrado en Expourense, que respalda a política da Xunta da compatibilidade de usos nos recintos feirais”.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias destacou que “dende o nacemento da Vig-Bay no ano 2000, a carreira converteuse nun símbolo da unión de tres concellos veciños e no mellor exemplo de que o entendemento e a colaboración son as mellores fórmulas para avanzar”.

O 27 de febreiro do ano 2000 daba a saída a primeira edición da Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay con 613 corredores. Nesta vixésimo primeira edición, a Vig-Bay conta con dez veces máis de participantes, acadando preto de 6.000 atletas, entre eles destaca a presenza de case un milleiro de atletas doutras nacionalidades.

Imaxes relacionadas