A Xunta colabora coa mancomunidade da Mariña nas novas audioguías ficcionadas para Foz e Cervo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que se financian a través do convenio entre Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Municipios e mellorarán a experiencia dos visitantes

Tamén se traducen ao español as de Alfoz e Lourenzá

Foz (Lugo), 5 de abril de 2022

A Xunta de Galicia colabora coa Mancomunidade de Municipios da Mariña na elaboración das novas Audioguías Ficcionadas para Foz e Sargadelos (Cervo) e na tradución ao español das de Alfoz e Lourenzá.

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, participou hoxe na presentación destes novos recursos, que dan continuidade ao proxecto xa iniciado noutros concellos da comarca que dispoñen de audioguías turísticas para mellorar a experiencia dos visitantes.

Arias explicou que a Xunta apoia a iniciativa con cargo ao convenio que subscribe regularmente a Axencia de Turismo de Galicia coa Mancomunidade, que o ano pasado contou cunha achega autonómica de 56.000 euros. Como apuntou, o financiamento tamén vai destinado a consolidar as propostas de Turismo slow, A Mariña en Ruta e as Rutas de artesanía, así como a afrontar os custos de accións promocionais ou o mantemento e mellora das redes sociais e da web do xeodestino.

Tamén subliñou a achega autonómica dun millón de euros para desenvolver o Plan de Sustentabilidade Turística da Mariña, que está en marcha inicialmente ata o ano que vén co obxectivo de acadar unha oferta máis innovadora e competitiva, baseada en accións respectuosas desde o punto de vista socioeconómico, medioambiental e territorial.

Resaltou ademais o impulso da Xunta á dinamización da comarca a través de propostas como o Bono Turístico, que segue vixente este ano para potenciar a actividade sobre todo na tempada baixa. “Na anterior edición esta medida rexistrou boas cifras na Mariña”, apuntou Arias, quen indicou que “varios concellos da zona destacaron entre os máis elixidos da provincia por parte dos usuarios das tarxetas”. Así, Viveiro foi o segundo municipio, despois da capital luguesa, que rexistrou máis gasto nos establecementos de aloxamento adheridos -202.324 euros-; Ribadeo o quinto -81.836 euros-; Foz o sexto -53.237 euros- e tamén destaca Burela no número once, con 35.493 euros pagados a través dos bonos.

“Grazas ao esforzo do sector e ao apoio da Xunta estase a manter un bo ritmo de recuperación da demanda turística”, concluíu Arias, quen asegurou que o Goberno galego seguira traballando para reactivar o turismo a través de medidas como as contempladas no Plan Camiña ou o Plan Xacobeo Next Generation.

Imaxes relacionadas