A Xunta informa a empresas e traballadoras sobre os riscos laborais durante o embarazo e a lactación

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, interveu hoxe na inauguración dun webinario organizado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) no marco da súa programación formativa para este ano

Incidiuse en que non é o mesmo unha situación do risco que un embarazo de risco, polo que é preciso adaptar, no casos que sexan precisos, os postos de traballo

Trátase da primeira das 16 xornadas formativas que organizará o Instituto ao longo deste ano e que se centrarán nos riscos psicosociais desde unha perspectiva de xénero

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na inauguración do webinario da xornada técnica Xestión do risco durante o embarazo e a lactación, organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), no marco da súa programación formativa para este ano. En colaboración con Ibermutua, a iniciativa tivo como obxectivo analizar a xestión do risco durante o embarazo e a lactación, desde o marco normativo que o regula, o procedemento que se debe seguir na súa tramitación, así como os riscos clínicos e laborais e os diferentes axentes que interveñen.
Para a Xunta de Galicia é importante a promoción da seguridade e a saúde no traballo en colectivos específicos ofrecendo, neste caso, información ás mulleres embarazadas ou en período de lactación e asesorando ás empresas en materia de cumprimento das obrigas relacionadas cos postos de traballo durante estes períodos. A situación de risco durante o embarazo non é o mesmo que un embarazo de risco, destacou Mancha. Polo tanto, a xornada incidiu en que a situación protexida é a relacionada con axentes, procedementos ou condicións do posto de traballo.
A Lei de Prevención de Riscos Laborais (Lei 31/1995, do 8 de novembro) regula, no artigo 26, a protección da maternidade a través dunha especial atención ao período de embarazo e de lactación natural, co obxecto de garantir que non se produzan danos para a muller, o feto ou o fillo. En palabras da directora xeral, esta obriga afecta a todo tipo de empresas, calquera que sexa o seu tamaño.
Este artigo resúmese en catro aspectos principais: avaliar os riscos do posto de traballo tomando en consideración a situación de embarazo ou lactación natural; prever, se fose preciso, a adopción de medidas preventivas complementarias para que a traballadora poida seguir desempeñando o seu labor profesional; en caso de non poder adaptarse o posto de traballo, deberase proceder a un cambio temporal de posto , que se rexerá polas normas da mobilidade funcional e terá efectos ata o momento en que o estado de saúde da traballadora permita a súa reincorporación ao anterior posto; en caso de non existir postos de traballo compatibles co estado de saúde da traballadora, procederíase á suspensión de contrato por risco durante o embarazo ou durante a lactación natural, polo período necesario para a protección da súa saúde e mentres persista a imposibilidade de reincorporarse ao seu posto anterior ou a outro posto compatible co seu estado.
Estas prestacións, en resumo, teñen como fundamento protexer á traballadora embarazada e ao feto, en caso de embarazo, ou fillo, en caso de lactación natural, cando non existan na empresa postos de traballo compatibles con estas situacións.
Durante a xornada describiuse, polo tanto, o procedemento de recoñecemento, denegación, anulación ou suspensión deste dereito, ao tempo que se detallaron os riscos laborais durante o embarazo como son, entre outros: radiacións ionizantes e non ionizantes, vibracións, temperaturas extremas ou ruído; manipulación de cargas, flexión de tronco, bipedestación, sedestación ou actividades deportivas; exposición a axentes químicos, citostáticos, axentes anestésicos inhalatorios ou carburantes; brucella ou toxoplasma; ou axentes estresores, así como o tempo de traballo.
A iniciativa, destinada a técnicos de prevención de riscos laborais, delegados de prevención, axentes sociais, empresarios, persoal traballador e persoas con interese nesta materia, rematou cunha mesa redonda na que os axentes sociais deron a súa visión desde un punto de técnico a través de profesionais dos seus gabinetes de seguridade e saúde no traballo. Participaron, entre outros, persoal técnico das organizacións sindicais e empresarial que forman parte do Consello Reitor e da comisión para a integración da igualdade do Issga.
Trátase da primeira xornada formativa que imparte este ano o Issga, nesta ocasión en formato webinario, das 16 que se organizarán ao longo do 2022. O teletraballo, a saúde mental ou o estres serán outros dos temas que se abordarán neste ciclo formativo, aspectos que, segundo indicou Mancha, afectan “de modo importante” ao colectivo feminino “incrementando o risco psicosocial, polo que require toda a atención necesaria das administracións que deben velar pola seguridade das mulleres e aplicar ese necesario enfoque de xénero”, engadiu. Así, e, segundo apuntou a directora xeral, a prevención dos riscos psicosociais será un aspecto no que incidirá o Issga ao longo deste ano para que as empresas mpoidan mellorar e alcanzar “unha madurez” na protección fronte aos mesmos, ao igual que está a ocorrer cos riscos de seguridade, hixiénicos e ergonómicos.

Imaxes relacionadas