A Xunta destaca a aposta pola internacionalización da compañía de Boqueixón PSVET

O director do Igape, Fernando Guldrís, visita esta consultoría veterinaria especializada no control da calidade hixiénico-sanitaria do leite, que está a impulsar un proxecto no marco do Galicia Exporta Dixital

Sinala que este programa, que ten aberta unha nova convocatoria de axudas, permitiu impulsar xa máis dun centenar de plans de internacionalización na provincia da Coruña, cunha achega de 4 millóns

Boqueixón (A Coruña), 5 de abril de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe as instalacións de PSVET, no concello de Boqueixón, consultaría veterinaria especializada no control da calidade hixiénico-sanitaria do leite que está a impulsar, grazas ao programa Galicia Exporta Dixital, a súa presenza en novos mercados cun proxecto de activación e vinculación de novas plataformas e de creación e adaptación de tendas e catálogos online.

“PSVET é unha mostra do bo facer das nosas pemes, que están a impulsar as súas vendas ao exterior ata o punto de que o último ano ten sido histórico para as exportacións galegas”, destacou Guldrís. Neste sentido, no 2021, as exportacións da Comunidade superaron os 25.000 millóns de euros, o que supón un novo teito histórico e un incremento do 21,1% con respecto ao ano anterior. Cifras ás que cabe sumarlle outras como o incremento do número de empresas exportadoras galegas, que marcan tamén neste período un novo récord chegándose ás 9360, un 31,5% más que en 2020.

Unha boa marcha das vendas ao exterior de Galicia na que ten xogado un papel moi importante a provincia da Coruña, que durante o 2021 rozou os 11.500 millóns exportados, batendo o récord histórico e logrando exportar un 32,3% máis que no ano anterior, converténdose así na provincia galega que máis medrou no acumulado do ano. Ademais, A Coruña pechou o ano con 3.733 empresas exportadoras (un +41,3% con respecto a 2020), das cales 764 son exportadoras regulares (+11,2%).

Neste marco, Guldrís puxo en valor a cooperación público-privada, un esforzo conxunto que, segundo salientou, conta agora cunha nova Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025. Esta folla de ruta, afondou, busca facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, e ten, como principais claves, a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.

“Programas como o Galicia Exporta Dixital contribúen á consecución destes obxectivos”, incidiu Guldrís, resaltando que, desde a súa posta en marcha, só na provincia da Coruña, esta liña ten permitido impulsar máis dun centenar de plans de internacionalización cunha achega próxima aos 4 millóns de euros.

Convocatoria aberta

O director do Igape lembrou que, nestes momentos, está aberta unha nova convocatoria do programa, cun importe de 4,4 millóns na procura de facilitar a adaptación das pemes ás necesidades provocadas pola pandemia da covid-19, contribuíndo así á súa reactivación e a mellora da competitividade no actual contexto.

“O obxectivo do Galicia Exporta Dixital é permitir ás nosas empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización. Deste xeito, queremos facilitar os procesos de dixitalización internacional das compañías galegas”, afondou Guldrís.

Cun gasto subvencionable por empresa que oscilará entre os 18.000 e os 100.000 euros, este programa compleméntase coas liñas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, que teñen tamén aberto o período de presentación de solicitudes e que contan en conxunto cun orzamento de 7,5M€ para este 2022.

Imaxes relacionadas