A Xunta colabora co concello de Brión na ampliación da sede do GES cunha achega de 50.000 euros

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou aos efectivos do GES de Brión, que atende as incidencias deste concello e dos de Negreira e Ames

O Goberno galego leva investidos arredor de 21M€ nos últimos anos en material cedido aos servizos de emerxencias dos concellos galegos, case 52.000 euros para os voluntarios de Protección Civil e o GES de Brión

Brión (A Coruña), 5 de abril de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe aos efectivos do Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES) de Brión, que atende as incidencias deste concello e dos de Negreira e Ames. Tamén comprobou as melloras levadas a cabo na sede deste grupo ao abeiro da colaboración entre a Xunta e o concello para a súa ampliación, que contou cunha achega de 50.000 euros por parte do Goberno galego.

A Xunta leva investidos nos GES da comunidade máis de 47 millóns de euros. Por unha banda, asume máis da metade dos seus gastos de funcionamento anuais, o que supón unha aportación de case 40 millóns de euros desde a posta en marcha destes grupos en 2013, uns 280.000 euros anuais no caso do GES de Brión. Os 7 millóns restantes correspóndense coa dotación do equipamento necesario a estes grupos para que poidan levar a cabo as súas intervencións de maneira eficiente e con todas as garantías.

Pese a tratarse dunha competencia de carácter local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menor poboación- o investimento da Xunta en material cedido aos servizos de emerxencias dos concellos galegos supera os 21 millóns de euros: 14 millóns para as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) e 7 millóns no caso dos GES.

No caso de Brión, o GES e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do concello recibiron nos últimos anos case 52.000 euros en material como un vehículo todoterreo tipo pick-up, unha embarcación, un desfibrilador, un traxe de velutina, un esparexedor de sal e un detector de gases.

A mellora o ano pasado do servizo municipal de Noia - que atende o concello noiés e os de Porto do Son e Lousame- axudou tamén a liberar de carga de traballo a este GES Santiago-A Barcala con sede en Brión. De feito, o concello de Noia estaba cuberto antes por este GES de Brión, que veu reducido o seu radio de cobertura, tendo en conta que abarcaba unha poboación atendida por riba da media.
A posta en marcha do servizo municipal de Noia acordouse en 2021 no marco da Comisión de Seguimento dos GES -da que forman parte a Xunta, as deputacións e a FEGAMP- coa aprobación doutros 3 grupos na provincia de Pontevedra e 2 na de Ourense. Este ano debido á decisión das Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra de rexeitar as melloras propostas pola Xunta, nestas 3 provincias manteranse as condicións actuais e na de Ourense aplicaranse nos seus 12 GES as melloras en canto á cobertura das emerxencias en Galicia, que repercutirán tanto condicións laborais e económicas dos GES existentes como no incremento dos cadros de persoal dos servicios de emerxencia que non contaban con 12 efectivos.

Ademais de apoiar aos servizos de emerxencia da comunidade, tanto na dotación de equipamento como no seu funcionamento, a Administración autonómica contribúe á formación dos seus efectivos desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Imaxes relacionadas