O Bono Enerxía Peme abrirá mañá o prazo de solicitude para impulsar o aforro e a eficiencia en pemes e autónomos

Convocado hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), destínanse dous millóns de euros para melloras de envolvente, iluminación, instalacións eléctricas e equipamentos no comercio, a hostalería, as actividades artístico-recreativas e outros servizos

Cubrirá o 80% do custo elixible ata un máximo de 6000 euros por solicitude

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria do programa Bono Enerxía Peme que desde mañá abre o prazo para que pemes e autónomos poidan mellorar o aforro e a eficiencia enerxética dos seus negocios.

As axudas, impulsadas o pasado ano para reactivar a economía pola situación xerada pola covid-19, volve convocarse dentro do Plan de choque da Xunta de Galicia para facer fronte á actual carestía dos productos enerxéticos e a situación de inflación.

A convocatoria, de concorrencia competitiva, estará aberta ata o 14 de xullo ou ata que se esgote o crédito destinado a este programa, que ascende a dous millóns de euros. Poden solicitar estas axudas, de tramitación electrónica, empresarios e autónomos con actividades no eido do comercio, a hostalería, artístico-recreativa e outros servizos.

O Bono Enerxía Peme cobre o 80% do custo elixible da actuación ata un máximo de 6000 euros por solicitude. Apoiarase a instalación de elementos de control solar como toldos ou láminas de control solar ou térmico de cor branca, negra e variantes; a renovación de equipamentos de iluminación interior ou exterior, incluídos rótulos, por outros que utilicen tecnoloxía led; a mellora de eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garantan unha subministración con calidade e fiabilidade; a renovación de equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras ou secadoras, entre outros; a instalación de aparellos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria; ou sistemas domóticos ou inmóticos para a xestión da enerxía e un gasto máis eficiente.

A Xunta continúa, por tanto, potenciando actuacións de mellora e aforro enerxético, enerxías renovables e xestión dos recursos nos distintos sectores. Así, Galicia aspira a convocar ao longo do ano axudas por máis de 128M€ dirixidas tanto a familais como empresas para seguir promovendo unha Galicia mais verde, á vez que se trata de paliar os efectos que a suba de prezos enerxéticos está a ter nos fogares e no tecido empresarial galego.

Imaxes relacionadas