O secretario xeral de Política Lingüística participa nas II xornadas ‘A lingua galega e a filosofía’

O representante da Xunta de Galicia sinalou como principal reto da lingua o seu uso por parte da mocidade e a súa integración nas novas tecnoloxías

Organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela, afondan nas posibilidades do idioma nesta disciplina

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na mesa redonda A lei de Normalización Lingüística de Galicia: historia, desenvolvemento e desafíos, enmarcada nas II Xornadas A lingua galega e a filosofía, que organiza a Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O representante de Cultura, Educación e Universidade abordou os desafíos da lingua galega nunha mesa moderada por Marcelino Agís, catedrático de Filosofía e decano da facultade, e na que estivo acompañado de Rocío Carolo Tosar e de Xacobe Medina, profesora e alumno, respectivamente, da Facultade de Filosofía da USC.

O secretario xeral sinalou entre os principais retos o uso da lingua galega “por parte da xente nova na súa socialización e, doutra banda, a incorporación do noso idioma propio ás tecnoloxías que nos rodean e ocupan cada vez un espazo máis importante nas nosas vidas diarias”.

Estes relatorios, que se iniciaron o pasado 28 de marzo coa conferencia Pensar Galicia, publicar e editar filosofía en galego de Roberto Abuín, serviron para abordar como aumentar na actualidade o uso do idioma galego na creación filosófica e na docencia da Facultade. Deste xeito búscase promover unha reflexión sobre as accións precisas para normalizar o uso da lingua propia de Galicia nesta disciplina, así como coñecer os precedentes históricos daqueles autores que contribuíron ao seu uso no seu traballo filosófico.

Imaxes relacionadas