Os profesionais da atención primaria do Sergas terán acceso á solicitude da totalidade de probas de laboratorio e de imaxe dispoñibles na súa área

A Xunta de Galicia vén de aprobar unha instrución que establece que todas as áreas sanitarias deben garantir a este persoal o acceso á solicitude destas probas diagnósticas desde calquera centro de saúde de Galicia

Trátase dunha consecuencia da integración da atención primaria e a atención hospitalaria dentro das xerencias de área únicas a través da reforma da Lei de Saúde

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2022

A Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde ven de informar ao persoal sanitario de atención primaria da aprobación da Instrución 1/22, da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, pola que se determina o acceso ás probas diagnósticas de laboratorio e de imaxe dispoñibles para a súa solicitude dende atención primaria.

Esta nova instrución, que xa fora remitida a pasada semana pola Xerencia do Sergas ás xerencias das sete áreas sanitarias, establece que a partir do vindeiro 1 de maio todas as áreas sanitarias deberán garantir a este persoal sanitario da atención primaria o acceso á solicitude da totalidade das probas básicas de laboratorio e de imaxe que estean dispoñibles na correspondente área sanitaria.

Así, cada categoría profesional accederá desde o centro de saúde onde estea a desenvolver a súa actividade profesional a todas as probas diagnósticas. As categorías destinatarias desta instrución son medicina de familia; pediatría; enfermaría; enfermaría especialista en pediatría, en familiar e comunitaria ou en obstetricia e xinecoloxía (matróns e matroas), a odontoloxía ou a farmacia, así como o persoal residente en formación destas categorías.

Integración en xerencia única de área

Esta ampliación da capacidade de solicitude de probas desde a atención primaria é unha consecuencia do proceso de integración nunha xerencia única que se ven acometendo desde hai anos. Co obxectivo de avanzar nese sentido, o proceso de reforma da atención primaria que a Xunta de Galicia iniciou no ano 2019 destacou a necesidade de ampliación das probas diagnósticas cuxa solicitude fose accesible desde a atención primaria. Así, tanto o Plan Galego de Atención Primaria como o documento estratéxico ‘Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde’ citan entre as medidas necesarias a de elaborar un catálogo de probas diagnósticas accesibles desde atención primaria e estendelo de modo común, a través dunha instrución aplicable a todo o Servizo Galego de Saúde.

Tamén o recente Plan de Acción de Atención Primaria 2022-2023, aprobado polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, fixa como unha das súas accións a de “Mellora do acceso á indicación de procedementos diagnósticos desde Atención Primaria, para incrementar a capacidade resolutiva neste ámbito de atención e xestionar a indicación por proceso”.

A recente Instrución 1/2022 non só cumpre eses compromisos, senón que vai máis aló do establecemento dun catálogo específico para atención primaria. Óptase por un modelo que equipara a capacidade de solicitude de probas deste persoal sanitario de atención primaria coa que ten o persoal sanitario de atención hospitalaria e reforzando a integración entre os niveis asistenciais que se busca a través da existencia das xerencias únicas de área.

Así, a posta en marcha a partir do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde, das denominadas estruturas organizativas de xestión integrada (EOXI) e a experiencia acumulada desde a súa creación, impulsaron a modificación en 2018 da Lei de Saúde de Galicia co fin de incluír no dito texto as áreas sanitarias nas que queda estruturado o Sistema público de saúde de Galicia e facer coincidir a súa delimitación territorial, coa das citadas EOXI.

A aprobación desta Lei derivou nunha consolidación do modelo de xestión integrada a través da entrada en vigor do Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia.

As fórmulas organizativas implantadas cunha visión horizontal e integradora dos procesos asistenciais, introducidas durante o ano 2010, foron consolidadas para superar os compartimentos existentes na relación primaria-hospitalaria e permitiron traballar co obxectivo de incrementar a coordinación dos niveis asistenciais e acadar maior transversalidade na xestión dos recursos sanitarios.

Imaxes relacionadas