A Xunta aborda con mulleres activistas do sur de Honduras os desafíos medioambientais e sociais
Jesús Gamallo reúnese con mulleres activistas defensoras de Dereitos Humanos do sur de Honduras para coñecer de primeira man a realidade do país
A visita a Galicia das mulleres hondureñas enmárcase no proxecto “Mulleres bravas de Honduras e Galicia: Tendendo pontes entre defensoras da vida”, executado por Enxeñería sen Fronteiras e Amigos da Terra e financiado pola Xunta de Galicia
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, recibiu hoxe a Adolfina Contreras, Coralia Argentina Tucios e Yeni Karina Aguilar, tres mulleres activistas do sur de Honduras que visitan Galicia da man das ONGD Enxeñerías sen Fronteiras e Amigos da Terra.
Esta visita enmárcase no proxecto de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global Mulleres bravas de Honduras e Galicia: Tendendo pontes entre defensoras da vida, executado por Enxeñería sen Fronteiras e Amigos da Terra e que está a ser financiado pola Xunta de Galicia desde 2021.
O proxecto ten como obxectivo visibilizar as problemáticas globais relacionadas coa sobreexplotación de recursos naturais en todo o mundo e que afectan especialmente aos países empobrecidos (extracción de materias primas, produción de enerxía, e explotación da terra, entre outras).
A través da conexión das realidades de Honduras e Galicia, abórdanse obxectivos como a reflexión sobre os impactos ambientais e sociais do noso actual modelo de consumo e desenvolvemento, así como alternativas sostibles de xestión dos recursos que exemplifiquen que outro modo de producir, consumir e vivir é posible.
Jesús Gamallo puido coñecer de primeira man a realidade da zona, a través da testemuña das tres mulleres que levan anos liderando a defensa dos recursos naturais, da economía social e dos dereitos humanos das comunidades que viven no Golfo de Fonseca.