Unha trintena de expertos colabora coa Xunta no estudo de reforma da planta local galega e o impulso de novas fusións

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu hoxe unha nova reunión da comisión de seguimento do convenio entre a Xunta e a Fundación Juana de Vega, que ten como obxectivo acadar concellos máis sustentables e optimizar os seus servizos

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou esta mañá nunha nova reunión con persoal da Fundación Juana de Vega e un equipo multidisciplinar das tres universidades galegas que levan a cabo un estudo da planta local co obxectivo de impulsar novas fusións municipais.
No marco do convenio asinado coa Fundación Juana de Vega, a Xunta solicitou a colaboración dunha trintena de expertos para coñecer a súa opinión sobre o funcionamento dos servizos municipais e valorar as súas propostas á hora de melloralos. Con esa intención, a Xunta solicitou o parecer de expertos en urbanismo, dereito e outras disciplinas vencelladas á administración local, así como políticos, traballadores municipais e representantes sindicais con experiencia na materia.
Entre outras cuestións, os expertos colaboradores deberán facer unha diagnose da situación actual dos concellos no que se refire ao seu funcionamento e prestación de servizos, ademais de ofrecer alternativas para optimizar e mellorar esas prestacións co obxectivo de acadar concellos máis sustentables e mellorar a calidade de vida da súa veciñanza.
Previamente, os equipos técnicos realizaron unha enquisa entre a poboación galega para ter en conta a diagnose que a cidadanía fai da situación dos concellos, así como coñecer o súa identidade respecto das entidades locais, valorar alternativas sobre a actual planta local e coñecer a súa opinión en relación a posibles cambios no mapa local. Un traballo cuxas conclusións se sumarán aos resultados das entrevistas que agora se van facer aos expertos e que formará parte do estudo de reforma da planta municipal galega e o impulso de novos procesos de fusión municipal, un proxecto ao que a Xunta destina 72.600 euros.
O acordo coa Fundación Juana de Vega ten como principal obxectivo abrir un debate sobre a necesidade de actualizar o mapa político-administrativo de Galicia, así como avaliar se a planta municipal é eficiente, estudar alternativas que melloren a súa eficacia e mitiguen os problemas que xera o despoboamento e, de ser o caso, formular propostas que incentiven novos procesos de fusión. Por iso, o estudo analizará os procesos de fusión desde as perspectivas política, xeográfica e demográfica, económica e sociolóxica, ademais de avaliar as experiencias de fusións en Galicia e propor actuacións para incentivar os procesos de redimensionamento da planta local galega.
Galicia foi pioneira no impulso das fusións municipais ao entender que, coa dispersión da poboación, os concellos pequenos cada vez teñen máis dificultades para xestionar e financiar os servizos que a súa veciñanza precisa, de aí que a Administración autonómica premie nas súas convocatorias de axudas públicas aquelas que cheguen de mancomunidades, entidades asociadas ou concellos resultantes dun proceso de fusión municipal.
A Xunta seguirá favorecendo os procesos de fusións con axudas aos concellos que, de maneira voluntaria, opten por esa figura administrativa. De feito, nos Orzamentos para este 2022 figura para tal fin unha partida de 1,5 millóns de euros. Nesta liña, os catro concellos fusionados en Galicia nos últimos anos -Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade- poden beneficiarse das partidas destinadas ao fondo especial de fusións -que ascenderon a máis de 10,5 millóns de euros no período 2016-2021-, e recibiron a práctica totalidade das axudas convocadas para as entidades locais que comparten servizos públicos.

 

Imaxes relacionadas