A Xunta convoca para maio e xullo os propietarios dos terreos necesarios para executar 2 novos treitos de senda na AC-552 en Coristanco para favorecer o acceso a pé ao centro comercial

Trátase de dous itinerarios nas marxes da vía autonómica, que se executarán no remate da senda Carballo-Coristanco, dándolle continuidade cara ao centro comercial, e entre Agualada e o cemiterio de Agrilloi

As obras suporán un investimento autonómico de 716.000 euros e licitaranse nas vindeiras semanas, para inicialas na segunda metade do ano

O levantamento de actas previas será o 4 de maio ás 10:30 horas na Casa do Concello e a formalización das actas de ocupación o 22 de xullo, á mesma hora e no mesmo lugar

As achegas realizadas ao proxecto polo Concello serán analizadas e incorporaranse no desenvolvemento das obras, como a conexión co sendeiro de madeira no rego da Balsa

Estes novos itinerarios súmanse aos xa executados nunha primeira fase do Plan de sendas da comarca de Bergantiños, que supuxo a execución de 11 km de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento de preto de 5 M€
 

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2022

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), e tamén no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, as convocatorias, para maio e xullo, dos actos expropiatorios para a construción de dous novos tramos de sendas peonís na estrada autonómica AC-552, no concello de Coristanco, que facilitarán o acceso a pé ao centro comercial.

Trátase de dous itinerarios na marxes da vía autonómica, que se executarán no remate da senda Carballo-Coristanco, dándolle continuidade cara ao centro comercial, e entre Agualada e o cemiterio de Agrilloi. As obras suporán un investimento autonómico de 716.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé a licitación desta actuación nas vindeiras semanas, para iniciar os traballos na segunda metade do ano. Os traballos contan cun prazo de execución de 8 meses.
Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar o 4 de maio ás 10:30 horas na Casa do Concello de Coristanco. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 22 de xullo, tamén á mesma hora e no mesmo lugar.

Os actos expropiatorios realizarase seguindo o estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://bit.ly/3K6Awfp .

Os novos itinerarios

En concreto, a intervención proxectada adapta os novos itinerarios á configuración das edificacións existentes e suporá executar algo máis de 1,3 quilómetros de sendas en total, que se construirán en formigón coloreado, para facelas máis visibles, e de cor terrizo natural, para unha mellor integración na contorna. O ancho destes itinerarios oscilará entre os 1,50 e os 2 metros.

O primeiro dos tramos construirase entre os puntos quilométricos 34+400, no final do itinerario Bértoa-Carballo, e o 34+860, na contorna do centro comercial, pola marxe esquerda da estrada, recollendo tamén unha prolongación de 300 metros en dirección a Carantos. O segundo dos tramos construirase no núcleo de Bormoio, entre os puntos quilométricos 44+300 e o 45+080, entre Agualada e o cemiterio de Agrilloi, pola marxe dereita da estrada.

Máis en detalle, no primeiro dos tramos, duns 800 metros de lonxitude, no final da senda Bértoa-Carballo e no inicio da beirarrúa próxima ao centro comercial, xa existen partes de sendas de nova execución e outras nas que que hai que renovar ou ampliar a beirarrúa existente e eliminar obstáculos, de xeito que o proxecto permitirá acadar un itinerario continuo accesible. Por outra banda, coa finalidade de mellorar a seguridade viaria, prevese unha leve modificación da curva existente ao longo dese treito.

No núcleo de Bormoio executarase o segundo dos tramos pola marxe dereita da AC-552, duns 560 metros. Ao final das beirarrúas de Agualada e o punto de acceso ao cemiterio de Agrilloi construirase unha pasarela ou ampliación de estruturas no seu paso polo río Calvar. Levarase a cabo unha ampliación da ponte mediante un voadizo que permita a integración na plataforma do espazo necesario para a implantación da nova senda peonil.

O Concello realizou achegas no período de información pública que xa non era posible incorporar ao proxecto, pero que serán analizadas e, no seu caso, executadas no desenvolvemento das obras, como a conexión co sendeiro de madeira que o Concello promoveu no rego da Balsa.

Plan de sendas Comarca de Bergantiños

A Xunta ten xa completada a 1ª fase do Plan de sendas da comarca de Bergantiños, co que xa puxo á disposición dos veciños 11 km de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento autonómico de 5 M€. Estas actuacións están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a impulsar a construción de novas sendas na comarca de Bergantiños co obxectivo de dotar os veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro e sustentable.