A xerente de Galicia Calidade subliña en Lobios a contribución da marca de garantía á promoción dos produtos galegos

Ana Méndez, responsable do organismo dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, fixo unha exposición dos preto de 30 anos de traxectoria do selo autonómico no encontro transfronteirizo Gastrolimia

Lobios (Ourense), 4 de abril de 2022

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, salientou hoxe na súa intervención en Gastrolimia a contribución da marca de garantía á promoción exterior dos produtos galegos durante os preto de 30 anos de traxectoria do selo autonómico.

Durante a súa participación neste encontro transfronteirizo para visibilizar as tradicións culturais e gastronómicas arredor do río Limia, Ana Méndez destacou que nestes anos se conseguiu que os produtos galegos sexan percibidos no exterior como garantía de calidade.

A xerente do organismo dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación recordou que Galicia Calidade se constituíu no ano 1995 e agora xa conta con máis de 150 empresas certificadas e con máis de 600 produtos amparados co selo de garantía.

Gastrolimia, que se celebrou no Hotel Balneario Lobios Caldaria (Lobios, Ourense), pretende reunir e fomentar o encontro transfronteirizo gastronómico, a relación persoal entre profesionais do sector agroalimentario e da hostalería, así como a actores con capacidade de decisión nas políticas de turismo rural da zona e a outros profesionais de referencia relacionados coa proxección de territorio, o márketing e a publicidade na Internet.

Imaxes relacionadas