A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou hoxe esta intervención cuxa licitación xa recolle a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia

Ethel Vázquez avanza que as obras da estación de autobuses da intermodal da Coruña comezarán en outubro, cun investimento de 40 M€ que levará aparellados 700 empregos

Vázquez Mourelle detalla que a licitación inclúe a nova terminal de autobuses e o aparcadoiro subterráneo, cun investimento de 29,7 M€; e o proxecto de elementos comúns elaborado por ADIF, cun orzamento de 10 M€, que materializará a Xunta

Concreta que do orzamento global de 39,8 M€, a Xunta achegará 19,6 M€, practicamente a metade

A Coruña, 4 de abril de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanza que as obras da estación de autobuses da intermodal da Coruña comezarán en outubro, cun investimento de 40 millóns de euros, que levará aparellados 700 empregos.
Vázquez Mourelle presentou hoxe esta intervención, xa en proceso de contratación, que transformará a cidade, ao integrar nun único espazo, cunhas instalacións renovadas, modernas e accesibles, o autobús e o ferrocarril.
A Plataforma de Contratos de Galicia recolle a licitación desta actuación, que inclúe a execución do proxecto da nova terminal de autobuses integrada na estación de ferrocarril e un aparcadoiro deseñado pola Xunta e que suporá un investimento de 29,7 M€.

A intervención supón ademais a execución do proxecto de elementos comúns da intermodalidade elaborado por ADIF, pero que asume agora a Xunta para a súa materialización, cun investimento de 10 M€.
As empresas interesadas neste proxecto, cun prazo de execución de 29 meses, dispoñen de prazo ata o 9 de maio para presentar as súas ofertas.
A responsable de Infraestruturas detallou así un investimento global de 39,8 M€, dos cales, a Administración autonómica achegará 19,6 M€, é dicir, practicamente a metade, aproveitando a oportunidade extraordinaria que representan os fondos Next Generation.
Precisou que o Concello achegará preto de 12 M€, investimento que verá en parte recuperado a través da explotación comercial do aparcadoiro; e ADIF asume o peso maioritario do financiamento dos espazos comúns, con 8 M€.
Subliñou que este proxecto busca facilitar un intercambio áxil e seguro entre os distintos modos de transporte e contribuír a ordenar e poñer en valor un importante ámbito da cidade, que se beneficiará, ademais dun espazo de aparcamento.

Nova estación de autobuses

A estación de autobuses desenvolverase de forma paralela á avenida da Sardiñeira e ás vías do tren. Contará cun nivel superior no que se emprazarán, á mesma cota, o edificio de viaxeiros e as dársenas e no que se situará a pasarela peonil de comunicación coa avenida do ferrocarril; e un inferior, a cota variable, onde estará o aparcadoiro, a zona de comunicación peonil coa estación ferroviaria e as dársenas de regulación de autobuses.
O acceso peonil poderase realizar desde a avenida da Sardiñeira, desde a pasarela que procede da avenida do Ferrocarril ou desde a zona de conexión coa estación de ferrocarril e o aparcadoiro.
En canto aos vehículos, os autobuses accederán por un ramal da glorieta que o Concello debe construír na avenida da Sardiñeira, e os turismos poderán acceder ao aparcadoiro desde esa glorieta ou ben desde a do Ferrocarril, a través do túnel que se executará baixo a estación de San Cristovo.
A terminal contará con 20 dársenas de operación e con outras 20 de regulación no aparcadoiro.

O proxecto desenvolveranse sobre unha parcela de 21.000 m² na que se construirá unha estación de 26.630 m², cun edificio de viaxeiros de 2.500 m² e un aparcadoiro de 325 prazas.

Intermodalidade

Ethel Vázquez sinalou que hoxe se presenta a primeira peza dun proxecto máis amplo que deben completarse coa execución dos accesos por parte do Concello, e, especialmente, coa reforma da estación ferroviaria por parte do Goberno de España.
Remarcou a necesidade de que o Ministerio de Transportes dea un maior impulso á intermodalidade en Galicia, onde este obxectivo é realidade, fundamentalmente, grazas ao traballo e ao empeño da Xunta.
Lembrou que Ourense, primeira cidade galega en recibir o AVE, segue a agardar aínda pola contratación das obras da reforma ferroviaria, mentres a nova estación de autobuses está en servizo desde hai mais dun ano.
Ademais, manifestou o desexo de que a colaboración institucional que, a pesar de todas as dificultades fixo posible sacar adiante este gran proxecto, siga vixente para lograr converter o lugar que hoxe ocupa a estación de autobuses nun espazo público de utilidade para A Coruña.
Por outra parte, a conselleira puxo en valor a aposta do Goberno galego pola cidade da Coruña, impulsando nela o maior investimento da sanidade pública da comunidade a través do Novo CHUAC, que suporá un investimento de 430 M€.
Tamén fixo referencia ao traballo da Xunta para conseguir o compromiso do Ministerio de Transportes coas obras de conexión ferroviaria de Punta Langosteira. Así, indicou que o Executivo autonómico aspira a investir 20 M€ na recuperación da fachada marítima.

Imaxes relacionadas