O conselleiro do Medio Rural compareceu no Parlamento a petición propia para informar sobre a preocupante situación do sector gandeiro galego

A Xunta reclama consenso político diante da crise do sector gandeiro e pon en valor as súas propias medidas e a presión exercida sobre o Ministerio a prol deste eido

José González destacou “a presión negociadora constante, intensa e produtiva da Xunta” sobre o Ministerio de Agricultura, que propiciou a adopción de medidas, pero lamentou que este fixera durante tanto tempo “ouvidos xordos” aos avisos sobre a grave situación

Valorou as axudas directas do Goberno central para os gandeiros, pero advertiu que serven a curto prazo mais non a medio e longo prazo para reverter a situación

Anunciou que se está tramitando no decreto da estrutura orgánica da Consellería o Observatorio da cadea alimentaria galega e pediu ao Ministerio fondos e medios para garantir o funcionamento da Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia

Debullou os cinco bloques de medidas que propugna a Xunta para frear a venda a perdas, dar liquidez, evitar o desabastecemento de cereais, ampliar superficies deste cultivo e mellorar o réxime fiscal e laboral dos agricultores e gandeiros
 

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, reclamou hoxe no Parlamento o máximo consenso das forzas políticas para avanzar na procura de solucións para a preocupante situación do sector gandeiro galego tras o incremento dos custos de produción.

O conselleiro valorou as medidas aprobadas recentemente polo Goberno central dentro do seu plan de choque para os sectores primarios, pero advertiu que, sendo axeitadas a curto prazo, non supoñen unha solución a medio e longo prazo e non serven para garantir unha suba do prezo do leite nin para asegurar o cumprimento da lei da cadea alimentaria no sentido de prohibir a venda a perdas xeneralizada. Ademais, reclamou unha prioridade para o sector de vacún de carne no reparto dos fondos restantes deste plan.

Por iso, advertiu o conselleiro, “a presión negociadora da Xunta foi constante, intensa e produtiva” sobre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) para buscar solucións a actual crise. Unha presión que se puxo de manifesto xa dende a presentación, o pasado 18 de febreiro, dun estudo sobre a evolución dos custos de produción no vacún de leite galego no ano 2021 que demostraba esa venda a perdas xeneralizada. Algo que se lle advertiu ao Goberno central “desde o primeiro momento”, pero -explicou o conselleiro- o Ministerio fixo “ouvidos xordos”. E unha presión que serviu para garantir a chegada ao vacún de leite galego “da maior cantidade de cartos posible” no reparto das axudas directas aprobadas polo Goberno central.

Outras medidas impulsadas pola Xunta teñen que ver coa posta en marcha de organismos encargados de asegurar o cumprimento da Lei da cadea alimentaria e a prohibición da venda a perdas. Entidades como o Observatorio da cadea alimentaria galega, que -anunciou o conselleiro- “está tramitándose no decreto da estrutura da Consellería do Medio Rural” ou a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia. Unha axencia que precisa, para a súa posta en marcha por parte da Xunta, da achega de medios económicos e materiais por parte do Ministerio, remarcou González.

O conselleiro destacou, nesta liña, que a Xunta volveu anticiparse de cara a frear a venda a perdas no vacún de carne, mediante un acordo histórico dentro da cadea de valor para acadar rendas dignas para os gandeiros. E trasladou que a Administración autonómica estará “vixiante” para que se cumpra de xeito estrito este protocolo por parte dos diferentes elos. Nesta liña, salientou tamén que a sinatura do acordo demostra que “hai unha sensibilidade dentro da cadea no sentido de que teñen que subir os prezos”. En parecidos termos, vinculou ademais esta sensibilidade ao progresivo incremento dos prezos do leite que se está a rexistrar nos últimos meses.

O conselleiro situou estas medidas dentro dun amplo paquete de actuacións da Xunta a prol dos sectores agrogandeiros, medidas que dan prioridade á planificación, como as estratexias sectoriais para o leite e o viño (xa aprobadas e en marcha) e para o cárnico, na que se está a traballar. Para esta última, o conselleiro anunciou que tamén se prevé habilitar unha aplicación informática para calcular os custos de produción neste eido da carne, como xa se fixo con Conta Láctea para o sector leiteiro.

Medidas impulsadas pola Xunta

Na súa intervención parlamentaria, José González puxo en valor e debullou as medidas impulsadas pola Xunta para axudar os sectores primarios, repartidas en cinco bloques. Así, o primeiro bloque, tal como explicou o conselleiro, contén medidas para conseguir a suba inmediata dos prezos e o cumprimento da prohibición de venda a perdas. Nel entraría a demanda recorrente ao MAPA para que promova un gran acordo entre os axentes da cadea de valor a nivel nacional co fin de conseguir unha suba inmediata dos prezos pagados en orixe aos gandeiros.

O segundo bloque exposto polo titular de Medio Rural atinxe ás medidas financeiras para dotar de liquidez ao sector gandeiro. Neste apartado, o conselleiro valorou as axudas directas aprobadas polo Goberno central, que para os gandeiros galegos de vacún de leite poderían acadar os 60 millóns de euros, pero reiterou, ao tempo, a necesidade de que se dea prioridade ao vacún de carne no reparto dos 194 millóns que están pendentes de distribuír.

Polo demais, José González destacou que, xunto coas axudas directas, a Xunta está a habilitar liñas de liquidez para os agricultores e gandeiros que pasan polo anticipo da PAC do ano 2022, ata 200 millóns de euros, mediante un convenio coas entidades financeiras para que se poida facer ese adianto de xeito inmediato cunha subvención, por parte do Goberno galego, dos custos financeiros. Referiuse ademais á apertura dunha liña de liquidez con préstamos de ata 30.000 euros e un importe total de 25 millóns de euros, liña que contará con aval da Xunta e tamén coa subvención dos custos financeiros e á petición ao MAPA dunha moratoria dun ano nas amortizacións de capital dos préstamos vivos a longo prazo concedidos ás explotacións gandeiras.

O terceiro bloque debullado polo conselleiro abrangue medidas para evitar o desabastecemento de cereais para a alimentación animal e dentro del insistiu na necesidade de axilizar a importación de cereais procedentes de países que actualmente contan con limitacións.

En relación co cuarto bloque de medidas, relativas á plantación de cereal, González destacou que grazas á presión negociadora da Xunta o Goberno central incluíu no seu plan de choque a posibilidade de cultivar barbeitos e de flexibilizar o requisito da PAC de diversificar plantacións.

No quinto bloque de accións, “a máis longo prazo”, propóñense melloras fiscais e laborais “verdadeiramente substanciais” para o sector primario, unhas actuacións que terían que plasmarse nun proxecto de lei específico, segundo explicou o conselleiro, quen finalizou a súa comparecencia cunha nova chamada ao consenso de todos os grupos parlamentarios. Así, concluíu, “todos temos que ser conscientes, todos somos responsables e todos podemos aportar algo”.

 

Imaxes relacionadas