O Goberno de España condecora á comunidade autónoma galega coa Cruz Sinxela da Orde Civil de Sanidade pola coordinación da campaña de vacinación fronte á covid

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2022

O Goberno de España, a través do Ministerio de Sanidade, vén de conceder a Cruz Sinxela da Orde Civil de Sanidade ao departamento sanitario galego pola coordinación da campaña da vacinación fronte á covid, como consecuencia do seu intenso e encomiable traballo que conseguiu que España sexa o país da nosa contorna con maiores taxas de vacinación.
O Goberno de España entregará o vindeiro día 7 de abril, con motivo do Día Mundial da Saúde, as distincións concedidas a organizacións, entidades e particulares polo seu labor no ámbito sanitario que, nesta edición, recoñece especialmente o esforzo conxunto na Campaña de Vacinación contra a covid e que sitúa a España como referente a nivel internacional.
Na actualidade, Galicia, cun total de 6.621.226 vacinas contra a covid administradas, conta con máis do 95% de persoas vacinadas con pauta completa, o que a sitúa nos primeiros postos do Estado. Así mesmo, a nosa comunidade autónoma tamén se mantén á cabeza do Estado en materia de vacinación pediátrica contra a covid. Así, Galicia é a primeira comunidade en porcentaxe de vacinación infantil vacinada con polo menos unha dose, sitúandose nun 75%, moi por riba da media de España que está nun 53%.
Galicia está á cabeza a nivel do Estado na vacinación contra a covid, ao igual que o leva estando dende que se iniciou o proceso. Ao respecto, cómpre remarcar a aposta da Xunta pola vacinación nos grandes recintos, que se desenvolveu de xeito áxil, ordenado e cunha gran satisfacción tanto para os profesionais como para a cidadanía. É necesario remarcar, así mesmo, o gran labor realizado polos equipos de vacinación, que recibiron unha formación específica para levar a cabo o seu cometido, que posibilitou que Galicia lidere o proceso de vacinación fronte á covid.