A Xunta abre o prazo para inscribirse nas oposicións para máis de 330 prazas de emprego público

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as convocatorias para 16 escalas profesionais que se desenvolverán polo sistema de oposición libre

A categoría para a que se convocan máis prazas é a de persoal subalterno con 119 postos

O prazo de inscrición para as persoas interesadas en participar nestas oposicións abre mañá, 5 de abril e remata o vindeiro 4 de maio
 

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2021

A Xunta de Galicia abre mañá o prazo para inscribirse nas oposicións para 333 prazas de emprego público. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as convocatorias de 16 escalas profesionais cuxo sistema de selección será o de oposición libre e non o de concurso-oposición tal e como se viña empregando nos últimos anos.

A estas oposicións poderá presentarse calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas convocatorias, e a súas posibilidades de lograr unha praza dependerán exclusivamente da preparación e do esforzo realizado polos aspirantes no proceso selectivo. Polo tanto, non haberá unha fase de concurso na que se valoren os méritos de experiencia profesional ou a formación.

A categoría para a que se convocan máis prazas é a de persoal subalterno con 119 prazas, que é á súa vez, é a categoría que presenta menos requisitos de titulación para os aspirantes. Tamén se convocan 65 prazas para a escala de auxiliar coidador, 54 para a escala de auxiliar de enfermería ou oito prazas para a escala técnica de Finanzas.

Ademais, inclúense 33 prazas reservadas para persoas con discapacidade intelectual: 28 delas para persoal subalterno e cinco para o Corpo auxiliar da Administración.

Todas estas prazas corresponden ás Ofertas de Emprego Público (OEP) do ano 2019, 2020 e 2021. A maiores, a Xunta aprobará antes do mes de xuño unha nova Oferta de Emprego Público (OEP) para dar cumprimento á Lei 20/21 do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público e que incluirá prazas que se cubrirán por concurso de méritos e por concurso-oposición.

20 días hábiles

O prazo de inscrición ábrese mañá, 5 de abril e remata o vindeiro 4 de maio, co que as persoas interesadas en participar nos procesos selectivos terán 20 días hábiles para facelo constar no modelo de solicitude electrónica que se facilita gratuitamente na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública (funcionpublica.xunta.gal), e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala. O modelo de solicitude está dispoñible na ruta ‘Procesos selectivos’ – ‘Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos’- e os aspirantes deben dispoñer dun certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), DNI electrónico ou Chave 365.

PROCESO
PRAZAS
 
 
Agrupacións profesionais - Subalterno
119
Agrupación Profesional - Subalterno (Discapacidade intelectual)
28

Corpo auxiliar de Administración xeral – Subgrupo C2 (Discapacidade intelectual)

5

Escala Auxiliar Coidador – Subgrupo C2

65
Escala de Auxiliar Clínica - Subgrupo C2
54
Enxeñaría técnica de obras públicas – Subgrupo A2
16
Escala Técnica de Finanzas – Subgrupo A2
8
Escala de Arqueólogos – Subgrupo A1
7
Especialidade de Arquivos – Subgrupo A1
6
Escala de Axudantes de Bibliotecas – Subgrupo A2
6
Especialidade de Bibliotecas – Subgrupo A1
5
Escala de Axudantes de Museos – Subgrupo A2
5
Especialidade Enxeñaría de Minas – Subgrupo A1
4
Especialidade de Museos – Subgrupo A1
3
Especialidade Enxeñeiro Técnico de minas – Subgrupo A2
1
Escala de Axudantes de Arquivos – Subgrupo A2
1
 
333

Imaxes relacionadas