Nava Castro entrégalle a Compostela aos seis Instagrammers no Camiño á súa chegada ao Obradoiro

Os cantantes Luis Cepeda e Roi Méndez, a actriz Cristina Castaño e os influencers Natalia Maquieira, Tamara García Romero e Xurxo Carreño, que repite experiencia, remataron esta mañá no Obradoiro as cinco últimas etapas do Camiño Mozárabe-Vía da Prata

Nos últimos cinco días foron contándolle aos seus máis de 3,6 millóns de seguidores a súa experiencia no Camiño
 

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, fíxolle entrega aos seis participantes de Instagrammers no Camiño das súas correspondentes Compostelas que acreditan que fixeron polo menos os últimos 100 quilómetros ata Santiago, neste caso as últimas cinco etapas do Camiño Mozárabe-Vía da Prata.

A Praza do Obradoiro acolleu o remate desta experiencia para os seis talentos locais desta edición, os cantantes Luis Cepeda e Roi Méndez, a actriz Cristina Castaño, e os influencers Natalia Maquieira, Tamara García Romero e Xurxo Carreño, que ao longo destes días foron contando a súa experiencia de peregrinación coincidindo coa celebración do Ano Santo.

Mediante publicacións de stories, fotos e vídeos, moitos dos cales xa levan máis de 30.000 visualizacións e centos de comentarios dos seus máis de 3,6 millóns de seguidores que reúnen entre os seis, os instagrammers trasladaron as súas vivencias no Camiño cos cancelos #GaliciaDestinoSeguro e #CamiñaAGalicia.

Neste sentido, Nava Castro destacou precisamente o éxito desta iniciativa, que permite achegar a celebración do Xacobeo 21-22 de diferente xeito, a públicos de moi diferentes tipos, descubríndolles que o Camiño é unha experiencia que se pode facer durante todo o ano e que hai moitos itinerarios para percorrer e seguir descubrindo Galicia, cada un dun xeito diferente. “Fixémolo empregando talento 100% galego, que é o que temos que poñer en valor e por iso contamos con seis galegos e galegas con peso nas redes sociais. Algúns xa coñecían o que era facer o Camiño pero non a Vía da Prata e coido que levan unha experiencia moi gratificante e, sobre todo, moi humana”, asegurou a directora de Turismo.

Vía da Prata

O Camiño Mozárabe-Vía da Prata percorre as provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña, ata chegar a Santiago de Compostela nun percorrido cheo de historia, patrimonio e natureza que os seis influencers descubriron desde o pasado mércores.
No que vai de ano lévanse entregado máis de 11.000 Compostelas, das que máis de 7.000 corresponden só ao mes de marzo, o que da unha idea do bo ritmo do Camiño neste segundo Ano santo. Deles, preto dun 3% escolleron a Vía da Prata, que o Goberno galego pretende impulsar a través da mellora da súa infraestrutura e tamén a través da súa promoción, con iniciativas coma esta.
 

Imaxes relacionadas