A Xunta licita por máis de 1,4 M€ o equipamento do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional

Será o piar fundamental da rede de centros de excelencia a través da que se desenvolverá a Estratexia FP Galicia 2030

O prego inclúe o subministro de materiais para a dotación e amoblamento dos laboratorios de biotecnoloxía, dixitalización e fabricación aditiva, e para as áreas de industria 5.0 e de gastronomía multisensorial

Santiago de Compostela, 3 de Abril de 2022

A Xunta de Galicia vén de licitar o equipamento do Centro Galego de Innovación da FP en Ourense Eduardo Barreiros, a cuxa dotación destina un orzamento de máis de 1,4 M€. En total sácase a concurso a dotación de preto de 90 artigos distintos, un total de case 300 unidades, que van desde as equipacións tecnolóxicas ata o propio mobiliario. O prazo de presentación de ofertas das empresas estará aberto ata o día 2 de maio.

Con estes equipos dotarase ao Centro Galego de Innovación da Formación Profesional das ferramentas e mobles precisos para o laboratorio de biotecnoloxía (equipos de pesada, estufas, espectómetros, autoclaves, cabinas de seguridade, etc), para o de dixitalización e fabricación aditiva (equipos de impresión 3D e escáner 3D), para a área de industria 5.0 (equipamento informático e software preciso para o control do proceso de fabricación e sistemas produtivos con célula flexible 4.0) e para a área de gastronomía multisensorial (utensilios de cocción, refrixeración e conxelación, elementos extractores de fumes e amoblamento e zona de lavado).

O Centro Galego de Innovación da FP en Ourense está chamado a ser o piar fundamental da rede de centros de excelencia a través da que se desenvolverá a Estratexia FP Galicia 2030. Esta licitación ten por obxectivo dotalo do equipamento necesario e de alto valor tecnolóxico, axustado á evolución actual dos sistemas, maquinaria, tecnoloxías e procesos utilizados.

Que o Eduardo Barreiros dispoña destas ferramentas suporá que o profesorado poida adquirir a competencia relativa ao manexo de máquinas reais, facer simulacións de controis de fabricación. Así mesmo permitirá a elaboración de deseños mediante a impresión 3D, así como a elaboración e experimentación nos talleres da área de gastronomía multisensorial.

O Centro Galego de Innovación da FP en Ourense supón un investimento total de 9,9 M€ froito da colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, aos que se engade este equipamento. Con esta licitación, o proceso de construción desta instalación entra xa na última fase para a súa próxima apertura este ano.