Máis dun cento de persoas participan ata o domingo no Escape Room do albergue de peregrinos de Betanzos

Preto dun milleiro de persoas xa están anotadas nalgunha das sesións que se celebran ata maio do Escape Room Xacobeo

Betanzos (A Coruña), 2 de abril de 2022

Máis dun cento de persoas participan estes días nas diferentes sesións da iniciativa Escape Room Xacobeo 21-22 que acolle o albergue de peregrinos de Betanzos, a Casa da Pescadería, e que remata mañá. Trátase dunha orixinal actividade coa que se busca fomentar o turismo familiar e dar a coñecer o fenómeno xacobeo desde un punto de vista lúdico, xa que se desenvolve a través dunha proposta de xogo en grupo centrada arredor do Camiño de Santiago, neste caso centrada no Camiño Inglés.
Despois de Betanzos, o Escape Room Xacobeo viaxará ata o Albergue de Vigo, onde se desenvolverá do 7 ao 18 de abril para a continuación ir ao albergue Eligio Rivas de Ourense, entre o 22 de abril e o 1 de maio. Nestes tres albergues farase un escape room portátil máis sinxelo, mentres que no albergue de Samos, na Casa Forte de Lusío, celebrarase nas fins de semana de maio un segundo escape room con máis complexidade, atrezzo e decoración, que xa ten todas as prazas cubertas.
De feito, a iniciativa xa ten inscritas a preto dun milleiro de persoas nas diferentes sesións de Betanzos, Vigo, Ourense e Samos, co obxectivo de seguir dando a coñecer o Camiño na súa vertente lúdica, cultura e tamén, espiritual.
Os interesados en participar terán que facelo en grupos de máximo seis persoas maiores de 6 anos e contarán en todo momento cun director de xogos e un monitor. Para inscribirse só terán que enviar un correo electrónico ao enderezo lucusescaperoom@gmail.com.