A Xunta avanza na tramitación ambiental do Plan Xeral de Valdoviño

A Consellería de Medio Ambiente trasladará ao Concello un documento que determina o alcance que deberá ter o estudo ambiental estratéxico e os organismos que deberán ser consultados tras a aprobación inicial do PXOM

O Goberno galego concedeu unha axuda de case 204.000 euros para apoiar ao Concello na redacción do plan

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2022

A Xunta xa concluíu o documento de alcance que serve de base para o estudo ambiental estratéxico do Plan xeral de ordenación municipal de Valdoviño, o que permite avanzar na súa tramitación.

O Concello solicitou iniciar o trámite de avaliación ambiental do PXOM e, a partir desa petición e unha vez recibida a documentación completa a finais do mes de xaneiro, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciou un período de consultas previas para a formulación do documento de alcance.

A través do mesmo, a Xunta propón o contido, amplitude e nivel de detalle que debe ter o estudo ambiental estratéxico, que deberá agora elaborar o Concello.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático traslada consideracións como os organismos que deberán ser consultados pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, dentro do trámite de información pública e consultas, tras a aprobación inicial do PXOM.

O Concello de Valdoviño é unha das administracións locais que conta cunha achega da Xunta, de case 204.000 euros, para apoialo na redacción desta ferramenta urbanística, e que se suma á colaboración administrativa que lle brinda para asesoralo en todos os trámites e fases da redacción e solucionar as súas dúbidas.

Cómpre lembrar que, na actualidade, Valdoviño dispón dunhas Normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas no ano 1993.

Imaxes relacionadas