A Xunta licitará en 34.600 euros a redacción do proxecto de ampliación do polígono industrial da Pontenova

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, lembra que existe unha partida de 124.000 euros para iniciar as obras este mesmo ano

Indica que a nova área a urbanizar mide máis de 10.300 metros cadrados e sumará arredor de seis parcelas
 

Lugo, 2 de abril de 2022

A Xunta licitará proximamente a redacción do proxecto de ampliación do polígono industrial da Pontenova coa intención de iniciar este mesmo ano as obras, para as que existe unha partida orzamentaria de 124.000 euros.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará 34.600 euros á licitación do proxecto. Nesta nova fase de urbanización e electrificación do parque empresarial actuarase sobre unha superficie total de 10.300 m2, que sumará arredor de seis parcelas ademais de novos viarios e zonas comúns.

Actualmente o polígono ocupa unha extensión de 60.800 m2 e conta con 44 parcelas, todas elas vendidas. Debido á demanda de solo industrial que se rexistra na zona, a Administración autonómica acordou desenvolver o Plan Parcial aprobado e levar adiante esta ampliación.

Arias subliña que o obxectivo da Xunta é “favorecer a implantación de empresas ofrecendo solo industrial a prezos competitivos e con todos os servizos e infraestruturas que precisen, de modo que poidan traballar e medrar dende calquera comarca da provincia”.