Nava Castro destaca en Allariz a aposta orixinal e creativa da Fundación Andante no seu 5ª aniversario

Declarada de Interese Cultural Galego desde 2017, conta cunha colección de arte contemporánea composta por máis dun milleiro de pezas de artistas galegos, nacionais e internacionais, algunhas de cuxas obras se poden contemplar estes días nas rúas da vila

A través de 30 lonas expositivas, a Fundación Andante homenaxea aos artistas que doaron as súas creacións á colección, especialmente os xa falecidos
 

Allariz (Ourense), 1 de abril de 2022

Visitas guiadas, concertos, cursos de fotografías e incluso actividades deportivas conforman o completo programa do I Encontro da Fundación Andante, que comezou esta tarde en Allariz nun acto que contou coa presencia da directora de Turismo de Galicia.


Nava Castro puido visitar así as preto de 30 lonas expositivas situadas nas rúas da vila coas que a Fundación Andante quere celebrar o seu quinto aniversario ao tempo que saca a rúa o seu maior valor, algunhas das pezas máis singulares da súa colección de arte contemporáneo Andante, composta preto dun milleiro de pezas artísticas de máis de 850 artistas de 25 países, todas doadas polos seus autores e que teñen en común a forma de zapato como elemento vertebrador da colección.

A directora de Turismo puxo en valor a colaboración que o Goberno galego mantén con esta Fundación, declarada de Interese Cultural Galego desde 2017, e a través da que se leva posto en marcha diferente proxectos de alto valor artístico. O último deles foi a mostra fotográfica Andante... Arte a pé do mar, que se desenvolveu o ano pasado no marco do programa O Teu Xacobeo.

Neste sentido, Castro lembro que precisamente a Xunta ten aberto o prazo para presentar proxectos na que será a terceira edición deste programa, o que permitirá levar a celebración do Xacobeo 21-22 por toda Galicia a través de O Teu Xacobeo.

O Encontro Fundación Andante desenvólvese desde hoxe e ata o domingo co obxectivo de homenaxear os artistas que forman parte da colección Andante de arte contemporánea, especialmente aqueles falecidos, entre eles o deseñador Alberto Corazón, creador da obra 500 da colección, ou os galegos Xaime Cabanas, Paco Pestana, Carlos Valcárcel ou Jorge Peteiro, entre outros.