A Xunta destaca a necesidade de achegar empresa, Igrexa e sociedade a través de diálogo e a acción social

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na clausura do “Encontro de Empresarios Católicos. Ano Santo 21-22” no que participaron en Santiago máis de 150 empresarios e profesionais do mundo da economía, a Igrexa e o mundo académico

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de pechar esta tarde o Encontro de Empresarios Católicos. Ano Santo 21-22, que acolleu onte e hoxe en San Martiño Pinario a máis de 150 empresarios, directivos e profesionais do mundo económico, empresarial e académico, un evento impulsado polo Arcebispado de Santiago de Compostela co patrocinio da Xunta de Galicia.
O director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Fernando Guldrís, participou na inauguración da xornada xunto co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Vieites; o presidente da Conferencia Episcopal Española, Juan José Omella; o Arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio. Na clausura do encontro participou a directora de Turismo de Galicia xunto co bispo auxiliar de Santiago, monseñor Francisco Prieto.
Nava Castro destacou que “a responsabilidade social, a solidariedade e a xeración de sinerxías cobran maior relevancia se cabe na sociedade na que situacións de pandemia ou de guerra como a que agora se está a vivir en Europa xeran unha forte inestabilidade que afecta a todos”, explicou ao tempo que sinalou que “Igrexa e empresarios católicos comparten a preocupación polo social e é por iso de tanto interese a celebración dun encontro como este que abre o diálogo social e fomenta desenvolvemento humano integral”, asegurou.
Ao longo de dous días o Encontro desenvolveuse con relatorios e tres mesas redondas nas que se abordaron cuestións relacionadas coa Bioética, Ecoloxía e a Responsabilidade Social, Educación, Cultura ou Acción Social Empresarial, entre outras.
 

Imaxes relacionadas