Un total de 43 pacientes xa foron tratados pola sanidade pública galega co equipo de ultrasóns de alta frecuencia focalizado (HIFU)
Deles, 39 pacientes tiñan temblor esencial refractario, 2 temblor refractario por outra enfermidade e 2 enfermidade de Parkinxon
O primeiro tratamento do HIFU foi realizado o 25 de marzo do pasado ano
Un total de 43 pacientes xa foron tratados pola sanidade pública galega no primeiro ano de funcionamento do equipo de ultrasóns de alta frecuencia focalizado (HIFU), que o Servizo Galego de Saúde ten instalado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, convertindo a este hospital no primeiro centro público de España en contar con esta tecnoloxía, e un dos primeiros de Europa. Así o destacou o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, no acto de inaguración dunhas xornadas sobre o Tratamento dos trastornos do movemento con ultrasóns de alta intensidade, que teñen lugar hoxe e mañá no Hotel Monumento San Francisco.
A inauguración contou coa participación, así mesmo, de José María Prieto González, xefe do Servizo de Neuroloxía do Hospital Universitario de Santiago, coordinador destas xornadas.
Segundo sinalou o director xeral, o primeiro tratamento do HIFU foi realizado o 25 de marzo do pasado ano, e, dende entón, leváronse a cabo no hospital santiagués un total de 43 intervencións, 17 delas a pacientes da área sanitaria de Santiago e Barbanza; 14 a pacientes da área de Pontevedra e O Salnés; 5 da Coruña e Cee; 3 de Ourense, Verín e O Barco; 1 da de Lugo, A Mariña e Monforte; e 3 pacientes de fóra de Galicia.
Dos pacientes tratados, 39 tiñan temblor esencial refractario, 2 temblor refractario por outra enfermidade e 2 tiñan enfermidade de Parkinson.
A idade media dos pacientes tratados é de 70 anos, sendo o máis novo de 30 anos e o de maior idade de 90. Tratáronse a 21 pacientes maiores de 70 anos, dixo Jorge Aboal.
O hospital de Santiago, centro de referencia nacional
A posta en marcha do HIFU por parte do Goberno galego, cun investimento de ao redor de 2,5 millóns de euros, é consecuencia da necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación das sete áreas sanitarias de Galicia afectada por tremor esencial ou Parkinson, dúas doenzas de causa neurolóxica moi frecuentes e que poden condicionar unha gran discapacidade e dependencia nos pacientes que as sofren. Son, así mesmo, enfermidades moi prevalentes na poboación, especialmente na de máis idade. O Parkinson afecta na actualidade arredor de 4.000 galegos e o tremor esencial a uns 35.000.
Aínda que existen moitos medicamentos para mellorar estas doenzas, nalgúns casos os síntomas non responden a estes tratamentos farmacolóxicos, ou teñen efectos secundarios importantes, polo que é necesaria unha aproximación terapéutica máis avanzada. Isto sucede na metade dos pacientes. Ata hai pouco, a cirurxía era a única opción para o 40-45% dos casos considerados refractarios aos tratamentos convencionais, quedando, polo tanto, un número importante de pacientes que non podían ser tratados, ni con tratamento farmacolóxico, nin con cirurxía.
O tratamento co HIFU permite que, cunha sesión duns 30-45 minutos, o paciente pode chegar a notar unha melloría clínica do seu tremor de máis dun 80% respecto a súa situación previa, manténdose a súa eficacia clínica durante alomenos cinco anos. O doente pode ser dado de alta ás 24 horas de recibir o tratamento.
O Hospital Universitario de Santiago é un centro de referencia nacional para o tratamento dos trastornos do movemento, tratando a pacientes tanto da comunidade autónoma como do resto de España.
A Xunta de Galicia considera prioritario que os profesionais sanitarios contén con equipos tecnolóxicos axeitados e tamén coas mellores infraestruturas posibles.