O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo reuniuse hoxe con responsables dunha trintena de oficinas de rehabilitación municipal das catro provincias

A Xunta convocará axudas por 23 M€ para dinamizar as áreas de rehabilitación integral e outras zonas residenciais

Tras a decisión do Goberno central de suprimir as axudas das ARI, Heriberto García explica que, grazas ás xestións de Galicia, o financiamento para seguir rehabilitando inmobles nestas zonas e nas áreas Rexurbe sairá do novo programa a nivel de barrio

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2022

A Xunta xestionará 23 millóns de euros a través do programa de axudas para actuacións a nivel de barrio, unha das novas liñas en materia de vivenda con financiamento europeo á que poderán optar concellos e particulares para intervir nas áreas de rehabilitación integral (ARI) ou en áreas Rexurbe.

Así llo trasladou hoxe o director do xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, aos responsables e técnicos dunha trintena de oficinas municipais de rehabilitación das catro provincias, convocados a unha reunión informativa sobre os requisitos, contías e funcionamento destes novos incentivos dirixidos a financiar actuacións de eficiencia enerxética no eido residencial.

Ao respecto, explicoulles que tras a decisión do Goberno central de eliminar do novo Plan de vivenda as axudas das ARI, foi a Xunta a que conseguiu asegurar outra vía de financiamento para poder seguir traballando na recuperación integral destes ámbitos.

Neste sentido, cómpre lembrar que a día de hoxe Galicia ten 76 ARI municipais e outras tres de carácter supramunicipal —xestionadas directamente polo IGVS—, cifras que reflicten a aposta que se fixo nas últimas décadas por esta figura e que, de feito, converten a Galicia na Comunidade con máis áreas de rehabilitación integral declaradas.

Grazas ás xestións realizadas pola Xunta, as actuacións en todas estas ARI e nas seis áreas Rexurbe galegas—as de Mondoñedo, A Coruña, Ribadavia, Tui, Ribadeo e Ferrol— poderán financiarse tamén a través do programa a nivel de barrio, pensado nun principio só para ámbitos delimitados como entornos residenciais de rehabilitación programada (ERRP), que deberán ser declarados pola Xunta ou polos propios concellos.

Obxectivo, conseguir vivendas e edificios máis eficientes

En concreto, estas axudas están dirixidas tanto a particulares como a entidades locais, para apoialos na execución de obras de mellora ou rehabilitación que teñan como fin optimizar a eficiencia enerxética de vivendas unifamiliares ou edificios de uso colectivo.

Segundo explicou o director do IGVS, os concellos poderán acollerse ao novo programa para financiar actuacións complementarias de urbanización, reurbanización ou mellora da contorna física nos ámbitos delimitados como ARI, áreas Rexurbe ou ERRP.

Ademais, ao igual que ocorría co anterior Plan de vivenda, indicou que aquelas entidades locais que teñan unha oficina municipal de rehabilitación para facilitar a xestión das actuacións subvencionables a través deste e doutros programas de incentivos, terán acceso tamén a unha axuda de ata 800 euros por cada vivenda rehabilitada.

Así mesmo, no caso de actuacións promovidas por particulares, explicou que o requisito principal será reducir o consumo de enerxía primaria non renovable nun 30% e ademais, rebaixar a demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración da vivenda nun 25% ou nun 35%, segundo a zona climática. Se o solicitante se atopa en situación de vulnerabilidade, o importe da subvención pode chegar a cubrir o 100% da obra.

Por último, Heriberto García salientou a importancia desta liña de incentivos, que se convocará proximamente con carácter plurianual e permitirá “darlle continuidade” ao esforzo inversor realizado nos últimos anos en Galicia a través das diferentes ARI.

Así, cómpre lembrar que no período 1996-2020 asignáronse aos concellos a través desta figura un total de 185 millóns de euros para recuperar ao redor de 18.500 vivendas, cifra á que hai que sumar o importe destinado ás oficinas de rehabilitación municipais, que só nos últimos catro anos recibiron 5,14 millóns e onde traballan máis de 120 persoas.

Imaxes relacionadas