A Xunta presenta alegacións ao anteproxecto de Lei de mobilidade sostible do Goberno de España, que considera lesivo para as comunicacións do rural

O Goberno autonómico demanda que se consideren as peculiaridades de Galicia, que pola súa elevada dispersión territorial e polo envellecemento da poboación precisa dunha alta capilaridade dos servizos de mobilidade

Lamenta que o anteproxecto non contemple a mobilidade rural e solicita a incorporación dos conceptos de igualdade de oportunidades e vertebración territorial

Solicita a revisión dos principios establecidos parar declarar Obrigas de Servizo Público, pois a norma limítase a criterios económicos fronte á rendibilidade social ou ambiental

Alerta sobre declaración de intencións de suprimir o transporte ferroviario no rural, substituíndo a media distancia por servizos por estrada de titularidade autonómica

Advirte que un sistema de pago por uso de autovías baseado na distancia percorrida prexudicará a territorios periféricos como Galicia, ao agrandar as diferenzas entre comunidades e o desequilibrio territorial
 

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2022

A Xunta presentou hoxe as súas alegacións ao anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostible que impulsa o Goberno de España e que considera lesivo para garantir as comunicacións no rural de Galicia.

O Goberno autonómico considera que a normativa debe ter en conta as características diferenciais de Galicia, que conta cun elevado nivel de dispersión territorial e con poboación envellecida, o que fai necesaria unha alta capilaridade dos servizos de mobilidade.

Dadas estas peculiaridades da comunidade galega, o transporte público precisa dun significativo volume de achegas por parte da administración.

Neste sentido, para dar resposta ás necesidades reais da poboación galega en materia de comunicacións, a Xunta vén redobrando nos últimos anos os esforzos investidores dirixidos a acadar un transporte público de calidade.

Igualdade de oportunidades no rural

Unha vez considerado estas características propias de Galicia e avaliado o anteproxecto da Lei de Mobilidade Sostible, a Xunta, en primeiro lugar, pon de manifesto que o texto non contempla en ningún ámbito a mobilidade rural.

O Goberno galego lamenta que a planificación de infraestruturas de transporte estatal quede supeditada á rendibilidade, centrando os investimentos nas zonas máis poboadas ou nos corredores de maior demanda.

Segundo indica, este anteproxecto, completamente escorado cara as contornas urbanas, agravará o declive demográfico e o abandono de sectores produtivos estratéxicos para a economía da comunidade por mor da falta de competitividade.

A este respecto, o Executivo autonómico fai un chamamento a incorporar na normativa os conceptos referidos á igualdade de oportunidades ou á vertebración territorial, básicos para os núcleos rurais.

Obrigas de Servizo Público

Ademais, a Xunta insta á revisión dos principios para declarar Obrigas de Servizo Público, pois a norma limítase a establecer criterios económicos fronte a outros tan importantes como a rendibilidade social ou ambiental.

Nas alegacións presentadas remárcase a Disposición 3ª da Lei, que, segundo se alerta nas alegacións, semella unha declaración de intencións de rematar co transporte ferroviario no rural, suprimindo o sistema de media distancia e substituíndoo por servizos de transporte por estrada, de titularidade autonómica.

O texto normativo xustifica o imposible cumprimento dos servizos de media distancia pola demanda e pola tendencia á concentración da poboación, factores que volven discriminar o rural e por suposto, incumpren as Obrigas de Servizo Público.

O Goberno galego, neste contexto, solicita ao Goberno estatal a realización dun exercicio de transparencia, publicando a asignación económica destinada ás diferentes liñas e servizos declarados como Obrigas de Servizo Público no contrato con Renfe.

En terceiro lugar, a Xunta avalía o Fondo estatal para o sostemento da mobilidade, pois resérvase unicamente ás entidades locais, deixando fóra o transporte metropolitano que prestan as comunidades autónomas. Así, solicítase que as autonomías tamén poidan ser beneficiarias do citado fondo.

Pago por uso das autovías

En cuarto lugar, cabe destacar a análise da Disposición Adicional 13ª da Lei, que habilita ao Estado para establecer un pago por uso de vías de altas prestacións. Neste caso, o Executivo autonómico subliña a indefinición da medida, pois non se concretan as implicacións prácticas ou as condicións.

A Xunta considera que esta medida implantada por distancia percorrida suporá un gran prexuízo para territorios periféricos como Galicia, pois agrandará a brecha de diferenzas entre comunidades, provocará un maior desequilibrio territorial e romperá o concepto de igualdade de oportunidades. Tamén se suman os prexuízos que esta iniciativa podería supoñer para a competitividade do sector do transporte de mercadorías.

A Xunta reivindica que, no caso de implantarse o sistema de pago das autovías como mecanismo de financiamento do mantemento da rede viaria, este se estableza co máximo consenso, especialmente con sectores tan afectados como o transporte de mercadorías. Este mecanismo debe garantir o equilibrio territorial e a igualdade de oportunidades.

Por outra parte, a Consellería de Infraestruturas tamén manifesta a súa preocupación ante a proliferación inxustificada de conferencias sectoriais que inclúe o texto para abordar temas intimamente relacionados. Chama a atención esta proposta, xa que o presente texto non se debateu no marco da vixente Conferencia Nacional de Transportes, a pesar de reiterar a súa convocatoria, sen resposta por parte do Goberno central.

Igualdade de xénero e mobilidade inclusiva

Ademais, entre as achegas remitidas pola Xunta, tamén se fai referencia á necesidade de incluír no texto o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes nos nomeamentos e designacións nos órganos creados ou existentes.

Tamén apelan as alegacións autonómicas á mobilidade inclusiva para garantir o acceso ao transporte público a todos os cidadáns, independentemente das súas circunstancias. Así, puntualízase a necesidade de considerar a mobilidade con elementos para transportar a menores de 3 anos.