O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para este ano e os vindeiros 2023 e 2024, na que se inclúen incentivos ás empresas que realicen transporte privado complementario

A Xunta convoca as axudas para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías, dotadas cun orzamento de case 12,5 M€

Están dirixidas ao achatarramento de vehículos, á adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono ou á modificación da forma de propulsión, así como á implantación de infraestruturas de recarga eléctrica

Trátase de favorecer a xeración de emprego indirecto en fabricación de vehículo, o impulso da creación de puntos de recarga e a dinamización da actividade económica, incidindo na diminución de emisións de gases de efecto invernadoiro

O prazo para a presentación de solicitudes comezará mañá e estará vixente ata o 30 de abril de 2024, coa excepción das axudas destinadas á implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, que rematará a o 31 de decembro de 2023

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, convoca as axudas para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas de servizos de transporte por estrada, dotadas cun orzamento de 12.433.884 euros. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde desta convocatoria, na que se inclúen as axudas ás empresas que realicen transporte privado complementario.

A orde recolle as bases polas que se rexerá o outorgamento destes incentivos, que se enmarcan nas subvencións concedidas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana á Comunidade galega ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU para este ano e os vindeiros 2023 e 2024. As subvencións obxecto desta convocatoria concederanse con cargo aos Orzamentos Xerais da Xunta. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://bit.ly/3tV8vS2

Dentro das actuacións subvencionables nesta convocatoria inclúese o achatarramento de vehículos, a adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono, o ‘retrofit’ ou modificación da forma de propulsión de vehículos, a implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e a adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias.

Trátase de favorecer a xeración de emprego indirecto en fabricación de vehículos, o impulso de puntos de recarga eléctricos e a actividade económica, nun contexto de recuperación tras a pandemia. Ademais, estas actuacións terán unha repercusión clara en materia de emisións de gases de efecto invernadoiro, facilitando o cumprimento dos obxectivos en materia ambiental.

De acordo convocatoria, o orzamento destinarase nun 45% ás actuacións vencelladas ao achatarramento de vehículos, destinándose un mínimo do 40% á adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono. O orzamento restante repartirase entre o resto de actividades subvencionables.

Máis en detalle, a contía destinada ás actividade de achatarramento é de 5.595.248 €, dirixíndose á adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono un total de 5.470.909 €. O importe das axudas fixadas para ás actividades de ‘retrofit’ ou modificación da forma de propulsión de vehículos, e para a implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos é de 621.694 € para cada un destes conceptos. Á adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias destínanse 124.338 €.

O orzamento poderá ser redistribuído pasados tres meses desde a apertura do prazo de solicitudes para adaptarse á evolución das axudas solicitadas en cada unha das actividades que comprende o programa.

Os destinatarios

Os destinatarios deste convocatoria inclúen ás persoas físicas ou xurídicas con residencia fiscal na Comunidade Autónoma que sexan titulares de autorización de transporte público de mercadorías con vehículos ou conxuntos de vehículos de máis de 3,5 toneladas, de transporte público discrecional de viaxeiros en autobús, de transporte privado complementario de mercadorías de máis de 3,5 tn, de transporte privado complementario de viaxeiros en autobús ou unha autorización autonómica de transporte público de mercadorías

Poderán acceder igualmente a estes incentivos as persoas xurídicas privadas con residencia fiscal en Galicia que, á data de solicitude da axuda presten o servizo público de transporte urbano en autobús, e estiveran exentas da obtención dalgunha das autorizacións incluídas no apartado 1 do artigo 14 do Real Decreto 983/2021, do 16 de novembro.

O prazo para a presentación de solicitudes destas axudas comezará mañá e estará vixente ata o 30 de abril de 2024, coa excepción das axudas destinadas á implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos, que rematará a o 31 de decembro de 2023.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

As subvencións obxecto desta convocatoria serán incompatibles con outras subvencións ou axudas que puidesen concederse para a mesma finalidade, procedentes de calquera administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou de organismos internacionais. Tampouco poderán ser compatibles coas axudas dirixidas a municipios no marco do Plan de recuperación para a implantación de zonas de baixas emisións e para a transformación dixital e sustentable do transporte urbano nin con ningunha outra axuda europea.

A Xunta deseñou este programa de incentivos adaptándoo aos obxectivos reflectidos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España, cara á incentivación a penetración das mellores tecnoloxías en canto á propulsión de vehículos industriais, especialmente de tecnoloxías que proporcionen cero emisións no transporte, que redundará ademais nunha maior eficiencia no uso de recursos, diminución da dependencia a combustibles fósiles importados e maior competitividade das empresas nunha situación actual especialmente comprometida.

Nesa mesma liña os incentivos inciden na renovación do parque de vehículos, especialmente necesaria no caso de vehículos pesados de transporte de mercadorías, así como no impulso á reactivación do tecido industrial e do sector da automoción , así como no desenvolvemento do transporte intermodal como medio alternativo e complementario ao transporte por estrada.

Imaxes relacionadas