A Xunta recibe o simbólico dorsal nº 1 da organización da marcha popular “Ultreia” polo seu apoio á proba

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recolleu o simbólico dorsal número un dos 356 que se inscribiron este ano nunha proba deportiva que une Tui e Pontevedra seguindo o Camiño Portugués

Pontevedra, 1 de abril de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recolleu esta mañá en Pontevedra o simbólico dorsal número 1 da marcha popular de sendeirismo Ultreia by Xacobeo 21-22, que se celebra de novo este domingo despois de dous anos de parada obrigada por mor da pandemia.
Nesta cuarta edición desta proba deportiva, que reunirá a cifra récord de 356 participantes, percorrerá a distancia de Tui a Pontevedra, seguindo as etapas do Camiño Portugués e permitindo recuperar unha actividade deportiva, lúdica e tamén, solidaria, posto que se volverá facer unha recollida de alimentos non perecedoiros e envasados ou enlatados que nesta ocasión se destinará aos afectados polo conflito de Ucraína.
Segundo as condicións físicas de cada persoa existen outros tres itinerarios de menor distancia: o curto de 19 quilómetros ata O Porriño, o medio de 33 quilómetros ata Redondela e o longo de 40 quilómetros ata Arcade.
Na recolla do dorsal, Nava Castro puxo en valor o apoio a esta marcha popular polo Camiño Portugués en todas as edicións anteriores. Organizada polo Diario de Pontevedra e a Agrupación Deportiva HQR!, Castro fixo fincapé nos valores que comparte co Camiño en canto á solidariedade, sacrificio e compañeirismo, e destacou a consolidación desta cita deportiva como referencia na provincia pontevedresa no que se refire ás actividades relacionadas co deporte e a saúde.
 

Imaxes relacionadas