A Xunta adapta desde o luns os horarios dos autobuses entre Verín e A Gudiña para facilitar 5 enlaces ao día cos servizos de tren a Madrid

O Goberno galego activa unha nova liña entre Verín e a estación de tren da Gudiña, que ofrecerá un servizo ao día

Tamén engade unha expedición máis na liña que conecta Viana do Bolo e Verín, que conta con parada na citada terminal

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2022

A Xunta adapta a partir do vindeiro luns os horarios dos autobuses entre Verín e A Gudiña para facilitar 5 enlaces ao día cos servizos de tren a Madrid.

Para iso crearase unha nova liña entre Verín e a estación de tren da Gudiña, que ofrecerá un servizo ao día. Ademais, engadirase unha expedición máis na liña que conecta Viana do Bolo e Verín, que conta con parada na citada terminal.

Estes dous novos servizos, xunto coa revisión dos horarios actuais, amplían de dous a cinco os enlaces diarios coordinados coas saídas e chegadas dos trens Alvia con orixe ou destino en Madrid, o que facilitará a intermodalidade dos pasaxeiros do tren.

A nova liña de autobús entre Verín e A Gudiña ofrecerá un servizo con saída ás 09,30 horas e chegada á estación ferroviaria ás 10,20 horas. Este horario posibilita que a espera sexa menor de 15 minutos para acceder ao tren, que ten hora prevista de paso cara a Madrid ás 10,34 horas.

A Xunta tamén garante o enlace co seguinte tren, que realiza unha parada na Gudiña ás 13,43 horas, adiantando 30 minutos, ata as 12,30 horas, o servizo entre Verín e Viana do Bolo activo nesa franxa horaria.

Cómpre lembrar que para os pasaxeiros que saen de Verín e collen o último tren do día cada a Madrid, que pasa ás 19,28 horas pola Gudiña, os autobuses da Xunta xa ofrecen actualmente unha conexión cos horarios vixentes.

Para o traxecto de volta, en Verín haberá dous posibles enlaces, co tren que chega de Madrid á Gudiña ás 15,37 horas, que xa permite os horarios actuais; e co das 20,05 horas, para o que se crea unha nova expedición na liña que une Viana do Bolo e Verín, que contará con hora de paso aproximada pola estación ás 20,27 horas.

Estas melloras súmanse ás activadas en decembro pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que adaptou os horarios dos autobuses da Xunta ás novas horas de paso dos trens por Ourense e pola estación da Gudiña, tras a posta en servizo do treito de alta velocidade entre Pedralba e Ourense.

O Goberno galego continúa traballando para optimizar os servizos de transporte público e ofrecerlles aos cidadáns unha resposta axeitada ás súas necesidades reais en materia de mobilidade.