Galicia celebra que o Comité Europeo das Rexións realice unha reunión en xuño en Santiago coincidindo co Xacobeo 21-22

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destaca o Camiño de Santiago como exemplo de turismo sostible e como impulsor da cohesión social e xeográfica europea

Os membros da comisión de Recursos Naturais do Comité Europeo das Rexións debateron esta semana sobre política rural, sobre a aplicación rexional dos plans estratéxicos nacionais da Política Agrícola Común (PAC) e sobre a Unión Europea da Saúde

Bruxelas, 1 de abril de 2022

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, agradeceu a decisión da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR) de acoller a súa vindeira reunión, os días 2 e 3 de xuño, na capital galega, coincidindo coa celebración do Ano Xacobeo.

Na súa intervención, o director destacou a idoneidade da selección da candidatura galega, baseada no Camiño de Santiago, como “exemplo dun turismo sostible capaz de aunar o desenvolvemento puramente económico coa sustentabilidade dos recursos naturais e culturais”. Tamén resaltou o papel do Camiño como impulsor da cohesión social e xeográfica. Uns asuntos que, como sinalou Gamallo, “serán obxecto de debate na reunión da comisión NAT en Santiago”.

Nesta duodécima reunión e tamén en clave de cohesión, os membros de NAT puideron intercambiar experiencias en materia “verificación rural”, o mecanismo proposto pola Comisión Europea que ten por obxectivo garantir que as necesidades das zonas rurais sexan tidas en conta sistematicamente nas iniciativas importantes da Comisión.

Neste sentido, durante o Cumio de Rexións e Cidades celebrado recentemente en Marsella, o CdR adoptou un manifesto en liña co ditame “Unha visión a longo prazo para as zonas rurais da UE” , aprobado na súa primeira sesión plenaria do ano. Nel subliña a necesidade de que se poña en marcha unha axenda rural europea que favoreza a integración das zonas urbanas e rurais e conduza á rehabilitación sostible destas últimas.

Outros debates levados a cabo polos membros de NAT na reunión desta semana versaron sobre a posta en marcha da Unión Europea da Saúde e sobre a aplicación rexional dos plans estratéxicos nacionais da Política Agrícola Común (PAC).

Estes plans supoñen unha das novidades introducidas na reforma da PAC, que entrará en vigor en 2023. Neles deberase de dar resposta aos tres obxectivos xerais da reforma: fomentar un sector agrícola intelixente, resistente e diversificado que garanta a seguridade alimentaria, intensificar o coidado do medio ambiente e a acción polo clima contribuíndo a acadar os obxectivos do Pacto Verde, e fortalecer o tecido socioeconómico das zonas rurais.

Tras recoller as contribucións das comunidades autónomas, España presentou xa á Comisión Europea o seu plan nacional, que se prevé que sexa aprobado polo executivo comunitario a mediados de 2022.

Galicia na comisión NAT do Comité Europeo das Rexións

Neste sétimo mandato do CdR que deu comezo a principios de 2020, Galicia participa na comisión de Recursos Naturais (NAT) e na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). NAT prepara os ditames de opinión dos municipios e rexións europeas en áreas como a Política Agrícola Común, a pesca, o turismo ou a saúde pública.

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Imaxes relacionadas