O conselleiro do Medio Rural participou por videoconferencia no Consejo Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios

A Xunta pide ao Goberno central que dea prioridade ao vacún de carne no reparto das axudas que están pendentes de asignar do Plan de choque para os sectores agrarios

Galicia lembra que este sector está formado por pequenas e medianas explotacións en extensivo, con base territorial e que conta cunha indicación xeográfica protexida de referencia a nivel nacional, como é Ternera Gallega

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2022

A Xunta demanda ao Goberno Central que dea prioridade ao sector gandeiro de carne, e dentro del especialmente ao vacún, no reparto dos case 194 millóns de euros que están pendentes de asignar e que corresponden ás axudas para “sectores agrarios e gandeiros” do seu Plan de choque. Así llo trasladou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), Luis Planas, durante o Consejo Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, no que González participou por videoconferencia. Esta demanda de Galicia foi secundada polas demais comunidades da Cornixa cantábrica (Asturias, Cantabria e País Vasco).

Neste sentido, o conselleiro reclamou que se teñan en conta as características do vacún de carne galego, que está formado por pequenas e medianas explotacións en extensivo, con base territorial e que conta cunha indicación xeográfica protexida (IXP) de referencia a nivel nacional, como é Ternera Gallega.

Nesta mesma liña, o conselleiro demandou ademais que o MAPA faga partícipes ás comunidades autónomas do proceso para definir as achegas pendentes de repartir e lembrou as diferentes medidas nas que está traballando a Xunta de Galicia para facer fronte a esta situación de crise. Entre elas, e precisamente relacionada co vacún de carne, González salientou o acordo dentro da cadea de valor, coordinado polo Executivo galego, para frear a venda a perdas neste eido produtivo. Trátase, en definitiva, de que se faga cumprir a Lei da cadea alimentaria.

Outras iniciativas

Asemade, o titular de Medio Rural puxo en valor outras iniciativas da Xunta, como o anuncio dunha inxección de liquidez pola vía do financiamento de circulante e do anticipo de axudas, especialmente os 200 millóns de euros da PAC, ou a reclamación ao Banco de España para que autorizase ás entidades financeiras a concesión dunha moratoria dun ano no pago das amortizacións dos préstamos a longo prazo que teñen vivos no sector agroalimentario.

A maiores, nesta mesma liña de apoio ao sector, José González lembrou o compromiso da Xunta de crear o Observatorio da cadea alimentaria galega, como organismo emisor de informes sobre a situación económica do sector primario da nosa comunidade. Tamén, de poñer en marcha a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia para dar cumprimento ás obrigas da Lei da cadea alimentaria, singularmente a prohibición da venda a perdas, así como do Observatorio lácteo, onde se escenificará a relación entre os elos desta cadea de valor.

Imaxes relacionadas