A Xunta agradece o labor dos consellos económicos e sociais españois por promover acordos desde a unidade e o consenso para facer fronte a este contexto excepcional

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, inaugurou en Santiago o Encontro anual destes organismos

Asegura que no momento actual, o urxente non debe afastar a sociedade galega do importante, que é manterse no camiño que conduce cara a unha Galicia máis dixital e máis verde
 

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago de Compostela no Encontro anual dos consellos económicos e sociais (CES) españois, no que agradeceu o seu labor para posibilitar e promover acordos de máximos desde a unidade e o consenso para facer fronte a este contexto excepcional.

Neste sentido, o vicepresidente económico asegurou que é moi importante acertar co diagnóstico e co tratamento pero tamén advertiu de que o urxente non debe afastarnos como sociedade do importante, que é manterse no camiño que conduce cara a unha Galicia máis dixital e máis verde. Por iso, desde a Xunta estase impulsando un plan de medidas para facer fronte ás consecuencias da inflación, a suba do prezo eléctrico e a falta se subministracións, sen perder de vista actuacións que permitan á Comunidade seguir avanzando nos seus obxectivos.

Conde asegurou que unha das principais funcións destes organismos é contribuír a mellorar a calidade do debate público e político sobre os grandes desafíos como sociedade. Por este motivo convidou aos presentes a seguir exercendo como foro de diálogo tan necesario nestes momentos.

Na súa intervención referiuse, especialmente, ao labor do CES de Galicia que, desde hai 25 anos, dá voz e voto aos principais interlocutores sociais e económicos.
 

Imaxes relacionadas