A Xunta apoia o ditame do anteproxecto de lei de cooperación para o desenvolvemento sostible e a solidariedade global da Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento

A reunión da Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento foi convocada pola Secretaría de Estado de Cooperación Internacional para aprobar o ditame do Anteproxecto de lei de cooperación para o desenvolvemento sostible e a solidariedade global

Bruxelas, 31 de marzo de 2022

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión virtual da Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento, cuxo principal asunto foi o ditame sobre o Anteproxecto de lei de cooperación para o desenvolvemento sostible e a solidariedade global aprobado polo Consello de Ministros o pasado 11 de xaneiro.

Dito texto substituirá á lei de 1998 e constitúe o primeiro paso para realizar unha actualización integral do sistema de cooperación. A xuízo do Goberno galego o texto constitúe una proposta positiva de reforma normativa do sistema español, que resulta coherente e complementario co Título VIII da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia.

Na reunión, que estivo presidida pola Secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Pilar Cancela, ditaminouse favorablemente o Anteproxecto de lei de cooperación para o desenvolvemento sostible e a solidariedade global, tendo en conta a incorporación ao citado texto da maior parte das alegacións presentadas por parte das distintas CCAA e entidades locais.

O texto do anteproxecto recolle as propostas de mellora achegadas pola Xunta de Galicia entre as que destacan a referente ao recoñecemento específico do papel da cooperación descentralizada como elemento esencial e diferenciador do sistema de cooperación no noso país, así como a de recuperar a Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global como eixo estratéxico do sistema e non coma simple instrumento de cooperación.

A Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento é o órgano consultivo e de coordinación, concertación e colaboración entre as administracións públicas que levan a cabo accións de cooperación para o desenvolvemento. Está presidida pola Secretaría de Estado de Cooperación Internacional do MAEC, e forman parte dela representantes de diferentes departamentos da Administración Xeral do Estado, das comunidades autónomas e das entidades locais.