A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, interveu no peche da presentación do fondo Bio&Tech Smart Capital en Vigo no marco do congreso Laconnetwork

A Xunta salienta a creación dun novo fondo de capital risco centrado nas ciencias da vida que se suma ao obxectivo de consolidación da biotecnoloxía galega

Argerey apuntou a importancia da colaboración público-privada no impulso á competitividade do tecido produtivo e, en consecuencia, da economía galega

Este fondo alíñase coas prioridades do Executivo galego de consolidación do sector biotecnolóxico e impulso ao emprendemento innovador

Vigo, 31 de marzo de 2022

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, felicitou aos impulsores da iniciativa de creación do primeiro fondo de capital risco galego dedicado ás Ciencias da Vida, Bio&Tech Smart Capital, creado pola xestora de fondos de capital privado Noso Capital, e subliñou a importancia da colaboración público-privada no impulso á competitividade do tecido produtivo e, polo tanto, da economía galega. A directora de Gain fixo estas declaracións no peche da xornada de presentación do fondo en Vigo no marco do Startup Congress Galicia Laconnetwork.

Argerey apuntou que a creación deste fondo permitirá sumar esforzos cara a unha misión común: impulsar o crecemento do sector biotecnolóxico galego, fomentando un ecosistema colaborativo que favorece o emprendemento e facilitando o acceso a financiamento dos proxectos empresariais con potencial para gañar tamaño. A directora da Axencia apuntou que para que medre o ecosistema á panca que exerce o sector público debe sumarse a implicación do sector privado.

Estes obxectivos alíñanse coas prioridades do goberno galego nesta materia: por un lado, a consolidación do sector biotecnolóxico galego, identificado como estratéxico e co que se está a executar unha Estratexia de Consolidación do Sector para o período 2021-2025 que persegue situar a Galicia como rexión de referencia a nivel internacional e, por outro lado, o impulso ao emprendemento innovador, co obxectivo de valorizar o coñecemento que se produce nas universidades e centros de investigación impulsando o desenvolvemento de proxectos en fases temperás e promovendo a creación de empresas de base tecnolóxica.

Neste eido, a directora da Axencia sinalou que a Xunta de Galicia conta cun modelo propio de apoio ao emprendemento innovador integrado pola rede de Business Factories, incubadoras e aceleradoras especializadas en sectores estratéxicos para Galicia -no ámbito das Ciencias da Vida apoia BioIncubatech e a Business Factory Medicines-, o programa de transferencia de coñecemento Ignicia, a través do que se teñen creado 9 spin-offs -4 delas do sector biotecnolóxico-, ou os fondos de capital risco que xestiona XesGalicia, como o Fondo Galicia Innova Tech dirixido a proxectos empresariais con marcado carácter innovador, con especial atención aos que resulten da potencial valorización do coñecemento xerado polos diferentes axentes do sistema galego de I+D+i.

Sobre os promotores do fondo

O fondo Bio&Tech Smart Capital, promovido pola xestora de fondos de capital privado Noso Capital, conta ademais co apoio de dous socios expertos nesta área de coñecemento, como son Santiago Domínguez e a empresa Zendal , así como o propio equipo de Noso Capital. Ademais, o Hub de Innovación Dixital centrado nas Ciencias da Vida DataLife apoia activamente o fondo achegando a súa experiencia en biotecnoloxía e novos modelos de negocio baseados en tecnoloxías disruptivas como a intelixencia artificial e o Big Data, sendo o vínculo co ecosistema de I+D+i de Galicia.

Imaxes relacionadas