A Xunta presenta o proxecto Enredadas en Granada no marco dos días europeos da Artesanía

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, fala no Centro de Referencia Nacional de Artesanía desta iniciativa para a diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas, e a artesá Rosa Rodríguez realizará unha demostración de nós mariñeiros

Desde o pasado luns e ata o domingo 3 de abril, pódese visitar no Centro Albayzín a exposición de fotografías na que se amosan os resultados dos últimos cursos de formación nos que as redeiras artesás galegas aplicaban as técnicas do seu oficio tradicional á creación de complementos de moda e de obxectos de decoración
 

Granada, 31 de marzo de 2022

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación – a través da Fundación Artesanía de Galicia – leva ata Granada o proxecto Enredadas como parte do programa de actividades do Centro de Referencia Nacional da Artesanía, Centro Albayzín, para celebrar os Días Europeos da Artesanía. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, presentou esta mañá a iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia dende o ano 2012 e que acadou o Premio Promociona para Entidades Públicas nos Premios Nacionais de Artesanía 2016.

O sábado a partir das 13:00 horas, a redeira artesá Rosa Rodríguez, presidenta da Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme, encargarase de ofrecer un taller demostrativo sobre a elaboración de nós mariñeiros como parte da programación do Centro Albayzín nesta semana dedicada á divulgación dos oficios artesanais.

Así mesmo, desde o pasado luns 28 de marzo e ata o domingo 3 de abril está aberta ao público a mostra de fotografías Enredadas na que se amosan os resultados dos últimos cursos de formación realizados en Buño a finais do ano 2020 no marco desta iniciativa de diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas impulsado pola Xunta de Galicia dende o ano 2012.

Nas fotografías que conforman a exposición, e que están realizadas por Miguel Vidal, amósase cómo as redeiras galegas aplicaron as técnicas do oficio tradicional de elaboración e reparación de redes aos ámbitos da moda, dos complementos e da decoración de interiores. A exposición poderase visitar hoxe en horario de 12:00 a 14:00 horas; venres e sábado de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas e o domingo de 12:00 a 14:00 horas.

Enredadas é un proxecto de boas prácticas impulsado pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e pola Consellería do Mar e enfocado a diversificar o traballo das redeiras artesás galegas, para lles facilitar a apertura de novas oportunidades de negocio a través doutros ámbitos como a moda, os complementos e a decoración. A través de cursos de formación especializada e continuada, redeiras artesás de diferentes localidades galegas tiñan a posibilidade de acadar unha renovación desta actividade tradicional ao tempo que un incremento dos seus ingresos.

Os obxectivos do proxecto Enredadas son poñer en valor o traballo das redeiras artesás e do seu oficio, apoiando a diversificación da súa actividade profesional, mellorar a súa situación económica, fomentando a súa estabilidade laboral e incorporando novas redeiras ao sector. Búscase tamén fomentar a colaboración intersectorial, introducir novos materiais e mellorar as técnicas e a calidade dos produtos elaborados. Enredadas contribúe a potenciar o valor social do oficio das redeiras, aposta pola sustentabilidade e pola economía circular, así como apoia a comercialización dos novos produtos e a promoción do propio proxecto.
 

Imaxes relacionadas