A Xunta activa o bono social térmico e o seu complemento que empezarán a percibir no mes de abril 66.400 fogares galegos

Feijóo avanza que as contías oscilarán entre os 228 e os 473 € e que os beneficiarios non terán que facer ningún trámite, xa que recibirán o ingreso de forma automática

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, en rolda de prensa, que 66.400 fogares galegos comezarán a percibir ao longo do mes de abril o importe que lles corresponde do bono social térmico e o complemento extraordinario de 100 € que vén de activarse. Dáse así cumprimento, explicou, ao compromiso adquirido no plan de choque para mitigar a suba de prezos de axilizar esta axuda e ampliala.

Nese sentido, avanzou que as contías oscilarán entre os 228 e os 473 € en función de se a familia é considerada vulnerable ou moi vulnerable e da zona climática de Galicia onde se resida. E, a maiores, sinalou que os beneficiarios non terán que facer ningún trámite, xa que recibirán o ingreso na súa conta bancaria de forma automática.

Ademais, logo de amosar a súa preocupación pola agudización do incremento dos prezos, cunha inflación que se sitúa neste mes de marzo no 9,8%, a máis elevada desde 1985, Feijóo fixo unha primeira valoración do plan de continxencia aprobado esta semana polo Goberno central.

Foi publicado no BOE sen diálogo previo e que non inclúe cuestións que foron pactadas coas Comunidades Autónomas, salientou, ao tempo que lamentou cuestións como que dos 16.000 M€ incluídos na proposta só pouco máis dun terzo sexan axudas, a falta de concreción nas iniciativas enerxéticas, ou a ausencia de medidas para conter o gasto burocrático e das comprometidas e necesarias rebaixas fiscais.
 

Imaxes relacionadas