A Xunta remata as obras de mellora do abastecemento en varios núcleos do concello de Lobios, tras un investimento de 290.000 euros

As actuacións resolven as carencias na rede de abastecemento de auga nos núcleos de Vilameá, A Devesa, San Paio e Esperanzo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, entregoulle hoxe as novas infraestruturas hidráulicas ao Concello

Actualizouse o sistema de distribución, solucionado o problema de roturas na rede por mor do exceso de presión

A Xunta segue a prestar apoio técnico e financeiro aos concellos para que exerzan as súas responsabilidades de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente
 

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou as obras de mellora da rede de abastecemento en varios núcleos do concello de Lobios, tras un investimento de 290.000 euros.

A titularidade das novas infraestruturas hidráulicas foron entregadas hoxe ao Concello.

A intervención da entidade hidráulica da Xunta incidiu na resolución das carencias na rede de abastecemento municipal nos núcleos de Vilameá, A Devesa, San Paio e Esperanzo co fin de optimizar a calidade de subministro á poboación.

As actuacións executadas por Augas de Galicia distribuíronse en dúas zonas: unha en Vilameá e A Devesa, e a outra en San Paio e Esperanzo. As intervencións centráronse na actualización do sistema de distribución, solucionando os problemas de roturas na rede por mor do exceso de presión.

A intervención na contorna de Vilameá e A Devesa consistiu na execución dunha rede de distribución desde o depósito actual ata os dous núcleos. Executouse un anel principal en tubaxe de polietileno soldable dunha lonxitude de preto de 1 quilómetro. Desde o anel instaláronse tubaxes que distribúen o caudal necesario aos dous núcleos.

En canto aos traballos en San Paio e Esperanzo, acometéronse redes independentes para estes dous núcleos de poboación. A nova rede parte do depósito xa existente e ten unha lonxitude de máis de 1.71 quilómetros e desde o anel principal, e para distribuír caudal aos dous núcleos, instaláronse uns 973 metros de tubaxes.

A Xunta, a través destas actuacións, continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente.

As actuacións contaron co cofinanciamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) Galicia 2014-2020.

 

Imaxes relacionadas