A exposición da Xunta en homenaxe a Antonio Palacios despídese o domingo con preto de 10.000 visitantes

A mostra aberta no Museo do Mar de Galicia en novembro remata a fin de semana, despois de ser prorrogada dous meses polo elevado interese do público

No marco das actividades complementarias, hoxe desenvólvese a mesa redonda ‘Visións de Antonio Palacios. Unha modernidade diferente’, coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo

Vigo, 31 de marzo de 2022

A exposición Antonio Palacios. Soños de modernidade, compromiso con Galicia, impulsada pola Xunta en homenaxe ao urbanista e arquitecto galego, despídese este domingo tras recibir a visita de preto de 10.000 persoas. A mostra abriu no Museo do Mar de Galicia o pasado novembro e foi prorrogada dous meses en resposta ao elevado interese que espertou no público. No marco do seu obxectivo de achegar a cidadanía a esta destacada figura, hoxe desenvólvese a mesa redonda Visións de Antonio Palacios. Unha modernidade diferente, coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Segundo os datos de afluencia, destacan os máis de 1.000 escolares que participaron na programación especial deseñada para centros educativos e que acudiron a coñecela. Ademais das actividades didácticas, o museo organizou tamén unha ampla axenda de visitas guiadas ao longo da semana, nas que aínda se pode participar este sábado e domingo ás 12,30 e ás 18,30 horas, con inscrición previa.

No marco destas actividades complementarias, a mesa redonda desenvolvida hoxe conta tamén coa participación do comisario Jesús Ángel Sánchez García, catedrático de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela (USC), quen afonda no arquitecto galego e a súa obra. Xunto a el interveñen Álvaro Bonet López, da Universidade Politécnica de Madrid; Alfredo Vigo Trasancos, da USC; e Xoán Carlos Abad e Mercedes Bangueses, ambos do Instituto de Estudos Vigueses.

Achegamento a través de máis de 200 pezas

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade resalta o amplo percorrido que supón a exposición pola traxectoria vital e profesional de Antonio Palacios, a prol do achegamento e posta en valor desta “figura comprometida co progreso da sociedade da súa época e que soubo conxugar modernidade e tradición”. Con máis de 200 pezas, algunhas nunca antes expostas, a mostra sitúa como peza central a réplica da maqueta do Plan Palacios para Vigo, elaborada por alumnado do IES Politécnico desta cidade.

A través de tres ámbitos, Arquitecturas para a modernidade, Os apoios na tradición e na historia, e A construción dunha identidade, o público pode coñecer tanto a produción arquitectónica como as inquedanzas artísticas e as iniciativas culturais de Antonio Palacios na súa traxectoria vital entre Galicia e Madrid. Nas distintas seccións móstranse planos de proxectos, imaxes de Antonio Palacios e das súas principais obras, prensa histórica con información sobre as súas iniciativas e pezas orixinais relacionadas cos seus deseños. Tamén hai maquetas e fragmentos audiovisuais nos que asoman os seus edificios. A mostra pode visitarse mañá venres de 10,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 19,00. O sábado e domingo o horario é de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 20,00 horas.