Galicia Calidade entrega o certificado de garantía á marca Berberecho de Noia

A xerente do organismo dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, Ana Méndez, visitou hoxe a lonxa de Testal para entregar a acreditación

Noia (A Coruña), 31 de marzo de 2022.- Ana Méndez, xerente de Galicia Calidade, reuniuse hoxe cos responsables da marca Berberecho de Noia para facerlles entrega da certificación que acredita que contan co selo de garantía Galicia Calidade.

A xerente do organismo dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación aproveitou a visita á lonxa de Testal para explicar as liñas de actuación de Galicia Calidade para este ano e para recoller as opinións, suxestións e achegas dos responsables da marca colectiva Berberecho de Noia · Rías Gallegas · Pesca Artesanal.

Trátase dun distintivo para diferenciar os berberechos capturados nas autorizacións e concesións recollidas no plan de explotación para autorizacións de marisqueo a pé e de marisqueo desde embarcación incluídos dentro do plan de explotación en vigor da Confraría de Noia e comercializados mediante algunha das lonxas xestionadas pola propia confraría. Os berberechos baixo esta marca cumpren as seguintes características: produto capturado na ría de Noia, con artes de pesca artesanais e sostibles e no seu momento óptimo de consumo.

Con Berberecho de Noia xa son máis de 150 as empresas galegas que contan na actualidade co selo de Galicia Calidade, unha distinción que busca impulsar a competitividade e achegar confianza e seguridade aos consumidores.
 

Imaxes relacionadas