O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se convoca para abril e xullo os propietarios dos terreos necesarios para executar as obras

A Xunta investirá preto de 400.000 euros na execución dunha nova senda na estrada AC-305, que conectará A Casilla, O Araño e Burés, no Concello de Rianxo

Executarase o itinerario pola marxe dereita desta vía autonómica, coa finalidade de fomentar a mobilidade alternativa e acadar unha diminución do tráfico rodado motorizado diario que actualmente existe entre os núcleos de Burés e A Casilla

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitará as obras nesta primavera, que teñen un prazo de execución de seis meses

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2022

A Xunta investirá preto de 400.000 euros na construción dunha nova senda peonil na estrada autonómica AC-305, no treito A Casilla-O Araño-Burés, en Rianxo. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se convoca para abril e xullo os propietarios dos terreos necesarios para executar esta obra.

Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar o 29 de abril, das 10:30 ás 11:30 horas, na Casa do Concello de Rianxo. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 18 de xullo, tamén á mesma hora e no mesmo lugar. Os actos expropiatorios realizarase seguindo o estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://bit.ly/3Dp7B3v

O itinerario habilitarase pola marxe dereita desta vía autonómica, coa finalidade de fomentar a mobilidade alternativa e acadar unha diminución do tráfico rodado motorizado diario que actualmente existe entre os núcleos de Burés e A Casilla.

A licitación das obras, que contan cun prazo de execución de seis meses, prevese nesta primavera. Estas intervencións de mellora da seguridade viaria son susceptibles de financiación a través dos fondos React UE.

As obras

A intervención proxectada polo departamento de Infraestruturas da Xunta prevé desenvolver este novo itinerario en dous tramos. O primeiro deses tramos disporase entre os puntos quilométricos 9+960 e 10+760, partindo do núcleo de Burés, a continuación da beirarrúa actual, e finalizando no lugar dos Xens, conectando a nova senda coa xa existente. O segundo tramo, entre os puntos 12+510 e 13+020, comeza en Contrés e finaliza no lugar da Casilla, dando continuidade á senda peonil actual.

Nesta contorna xa hai sendas ou beirarrúas, pero entre Burés e Os Xens e entre Contrés e A Casilla, aínda existindo vivendas contiguas á estrada, actualmente non hai espazo para o tránsito peonil seguro.

Para a execución dos novos treitos da senda, que suman algo máis de 1,3 quilómetros, tomouse como referencia a liña do bordo actual da estrada. Deste xeito, redúcese ou ampliase a beiravía para igualar ata os 50 centímetros en toda a actuación. A partir de aí, realizarase a ampliación da plataforma ata acadar unha senda de 2 metros de ancho e, nalgún treito, dispor unha rígola de 30 centímetros, ademais dun bordo de formigón.

A nova senda favorecerá os desprazamentos peonís, un mellor acceso ás paradas de transporte público e a redución da emisión de gases de efecto invernadoiro.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a impulsar a construción de novas sendas co obxectivo de dotar os veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro e sustentable.