A Xunta colabora coa posta en valor e acondicionamento do lavadoiro de Guillar, no concello de Rodeiro, cun investimento de 17.000 €

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde Rubén Quintá, supervisou as actuacións de rehabilitación desta infraestrutura de auga, que recibiu unha achega de 10.000 € ao abeiro de orde de corrección de impactos paisaxísticos

Esta mellora enmárcase na iniciativa do Instituto de Estudos do Territorio para impulsar o “fermosismo” nos concellos de ata 20.000 habitantes, que este ano conta cun orzamento de 2,4 M€ nas liñas para municipios e particulares

“Actuamos nun lavadoiro tradicional, moi empregado pola veciñanza, que se atopaba degradado e cunha mala estética e que agora está completamente reparado e mellora a imaxe de toda a aldea”, sinalou o representante autonómico
 

Rodeiro, 31 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de impulsar a posta en valor de elementos patrimoniais de titularidade municipal no Concello de Rodeiro, xa que colaborou co acondicionamento integral do lavadoiro de Guillar cos fondos da orde de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos.

Deste xeito, o Concello de Rodeiro beneficiouse dunha achega duns 10.000 euros para a posta en valor deste lavadoiro tradicional, moi empregado pola veciñanza da aldea e cuxa reparación e adecentamento supuxo un investimento de máis de 17.000 euros.

Esta actuación orientouse a corrixir o seu estado de degradación, os problemas de impermeabilización e a súa estética, a base de material de construción visto sen ningún tipo de revestimento.

Así, procedeuse á demolición da varanda de formigón e do bebedoiro anexo e a súa substitución por elementos máis permeables, a limpeza de todos os paramentos, o picado dos recubrimentos de pedra, a limpeza de xuntas, a mellora do firme, a limpeza dos vasos e das lousas de pedra, a consolidación e impermeabilización da cuberta, a dotación de caleiros e dun peche perimetral, un novo acabado, o pintado de toda a infraestrutura do lavadoiro, a reconstrución do bebedoiro para o gando e o recubrimento do alxibe en pedra.

Dita actuación, enmarcada na iniciativa de promoción do “fermosismo” impulsada polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), foi supervisada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, e outros representantes municipais.

“A Xunta segue a colaborar de xeito global e transversal cos concellos en todas as súas necesidades e competencias, especialmente con aqueles de ata 20.000 habitantes, que teñen menos posibilidades económicas, e por iso impulsamos esta nova liña, que pretende corrixir impactos paisaxísticos negativos e mellorar a imaxe da comunidade para seguir construíndo a Galicia do futuro”, detallou o representante autonómico, que engadiu que con esta achega “actuouse nun lavadoiro tradicional moi empregado polos veciños, que se atopaba en malas condicións e cunha fea estética, e que agora está completamente reparado e mellora a imaxe de toda a aldea posto que é un dos seus elementos centrais e de referencia”.

Esta nova liña de axudas estreouse o pasado ano e esgotou o seu orzamento, beneficiando a 66 municipios de toda Galicia e a 13 da provincia de Pontevedra Así, ademais de Rodeiro, tamén recibiron axudas desa convocatoria, na liña para os concellos, os municipios dezaos de Agolada e Dozón. Para este ano, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vai destinar un orzamento de 2,4 millóns de euros, entre particulares e administracións locais de ata 20.000 habitantes, para a corrección de impactos paisaxísticos.
 

Imaxes relacionadas