A Xunta destaca a capacidade de adaptación e a profesionalidade do sector turístico pontevedrés

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na gala de entrega de premios de Turismo e Hostalería promovidos polo tecido asociativo desta provincia

Sanxenxo (Pontevedra), 30 de marzo de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta tarde na entrega dos Premios Turismo e Hostalería da provincia de Pontevedra, un acto organizado pola Federación Provincial de Hostalería de Pontevedra, a asociación de Hospedaxe de Pontevedra (ASEHOSPO), a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra (AVIPO) e o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) e que se celebrou esta tarde en Sanxenxo, coa participación dunha ampla representación do sector turístico e hostaleiro da provincia, ademais de autoridades.
O evento permitiu recuperar a celebración dunha gala cuxo carácter anual quedara interrompido pola pandemia. En total entregáronse unha ducia de galardóns cos que se recoñece o traballo, a promoción e a divulgación da cultura hostaleira, a profesionalidade, a traxectoria profesional, a innovación ou o labor de coordinación na defensa dos intereses do sector durante a pandemia, entre outros.
Durante o acto, Nava Castro puxo en valor precisamente o labor de coordinación entre administracións e sector e destacou a enorme profesionalidade, capacidade de adaptación e resiliencia demostrada desde a irrupción da pandemia: “contamos con excelentes profesionais que foron quen de demostrar capacidade de adaptación para facer fronte a situacións tan difíciles como as que tocou vivir; xuntos sairemos reforzados, cun sector máis moderno, competitivo e rendible”, destacou.