Lete Lasa destaca que o libro 'Más allá de la meta' de Emilio Navaza conta a xénese dos cen anos do atletismo galego

Asegura que o libro é a mellor homenaxe que se lle pode facer ao atletismo galego que no ano 2021 tamén acadou a súa primeira medalla olímpica

Santiago, 30 de marzo de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe da presentación do terceiro libro do xornalista deportivo Emilio Navaza 'Más allá de la meta' que conta coa colaboración da Xunta de Galicia. O exemplar editado por Alvarellos Editora, resalta a xénese do atletismo de Galicia a través de 23 capítulos centrados en pioneiras como Nela Souto, Natacha Astray e Luisa María García; nas principais probas como a pedestre de Santiago, a San Martiño de Ourense ou os Grandes Premios Cidade de Vigo e Cidade da Coruña; as grandes competicións nacionais que acolleu Galicia; o Celta e o cross; a historia de Tito Margaride ou as visitas a Galicia de lendas como Said Aouita ou Edwin Moses.

Lete Lasa asegurou que este libro é a mellor homenaxe que se lle pode facer ao atletismo galego que no ano 2021 cumpriu cen anos dende o nacemento da federación galega e que contou con grandes fitos como a primeira medalla olímpica de Ana Peleteiro, o grande éxito da delegación paralímpica en Toquio ou o segundo campionato nacional absoluto que tivo lugar na pista cuberta de Ourense hai un mes.

Lete Lasa destacou de Emilio Navaza a súa paixón polo atletismo que comezou nas pistas da USC nos anos 60 e que hoxe, son obxecto dun convenio de colaboración de medio millón de euros no que participa a Xunta de Galicia grazas ao que poderán acoller probas internacionais de carácter básico.

Imaxes relacionadas