O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participa na Conferencia Sectorial de Educación

A Xunta reclama ao Ministerio de Educación que compense ás comunidades polo incremento global de prezos, que en Galicia supón un sobrecusto de 23 M€

Román Rodríguez destaca que o Goberno galego vai blindar o servizo educativo público, “pero o Ministerio debe asumir tamén a súa parte de responsabilidade”

A alza dos combustibles, dos alimentos ou dos materiais de obra está a redundar nunha presión adicional para as empresas contratadas

O conselleiro volve solicitar un plan integral de acollida e escolarización para nenos ucraínos, malia que Galicia está xa a aplicar un propio desde hai dúas semanas

Insiste na necesidade de que se publique xa o currículo de Bacharelato para que alumnado e docentes poidan preparar o curso

Solicita información sobre a organización do curso que vén desde o punto de vista sanitario

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou esta tarde na Conferencia Sectorial de Educación, onde reclamou ao Ministerio do ramo que compense ás CCAA polo incremento global de prezos derivado dunha inflación desbocada por ausencia dunha política económica nacional. Neste sentido, sinalou que a inflación derivada da crise de Ucraína está a xerar un sobrecusto de arredor de 23 M€ en materia educativa para a Xunta de Galicia.

En concreto esta situación está a afectar, a través da alza dos prezos do gasóleo, ao subministro de calefacción e ao transporte escolar. Así mesmo, inflúe tamén no servizo de comedor, dado a suba dos materiais, nas obras de mellora e construción de centros educativos.

Estes subrecustos están a redundar nunha presión adicional sobre os provedores e empresas que prestan estes servizos. Tal e como manifestou o conselleiro, “non podemos paralizar a actividade dos centros nin os servizos complementarios, máis tendo en conta que Galicia ten a rede de transporte escolar máis grande de todo o Estado, porque é unha ferramenta fundamental para o acceso á educación”. Así mesmo, explicou que máis de 78.000 alumnos galegos empregan a diario o comedor escolar, “un servizo imprescindible no rural e de importancia capital para a conciliación, polo que é necesario ofrecer solucións ás empresas que o prestan”.

“En definitiva –dixo o conselleiro– é necesario que o Goberno central achegue fondos ás administracións autonómicas para facer fronte a esta situación”. “A Xunta de Galicia vai blindar o servizo educativo público, pero o Ministerio debe asumir tamén a súa parte de responsabilidade”, abondou.

Plan para a escolarización de ucraínos

O representante da Xunta de Galicia volveu solicitar tamén ao Ministerio un plan integral de acollida e escolarización de nenos ucraínos, “malia que Galicia está xa a aplicar un propio cos 149 nenos ucraínos que ten xa nos seus colexios, dado que desde o Goberno central non se nos ofreceu ningún apoio e solución”. Así mesmo, sinalou que a escolarización dos refuxiados está a supoñer tamén máis gastos para as CCAA, que tampouco están a verse compensados polo Ministerio.

Neste sentido, o conselleiro destacou que os centros galegos xa dispoñen dunha Guía de Plan de Acollida para facilitar unha adaptación o máis efectiva posible do alumnado desprazado.

Ademais, o Goberno galego puxo a disposición dos centros educativos un espazo web específico sobre Ucraína con recursos e materiais didácticos encamiñados a favorecer este proceso de adaptación e integración nas aulas, con ferramentas como unha guía básica de conversación galego-castelán-ucraíno cos seus respectivos pictogramas, unha guía de expresións más habituais e escolmas de material de utilidade dispoñible na rede, entre outros recursos de interese.

A maiores, hai un apartado específico sobre equipamento TIC, de tal xeito que, no marco do programa Educa en Dixital, todo alumno ucraíno que o precise vai dispoñer dun ordenador con conexión á rede. Todos os equipos que se repartan estarán configurados para os idiomas galego, castelán e ucraíno, e os teclados estarán identificados con pegatinas específicas para a escritura en ucraíno.

Currículo Bacharelato

O titular do departamento educativo da Xunta insistiu de novo na necesidade de que o Ministerio publique xa o currículo de Bacharelato para que centros e alumnado poida preparar o novo curso. O Goberno central leva meses retrasando estes documentos (o da ESO aprobouse onte mesmo, tamén con meses de retraso), o que dificulta tanto a organización dos centros como a elaboración de materiais por parte das editoriais. No caso do Bacharelato, que inclúe novas modalidades, este retraso afecta tamén ao alumnado, que non sabe aínda en que materias poderá matricularse o ano que vén.

Aínda que Galicia leva meses traballando na parte autonómica destes documentos, través dos 27 grupos de traballo que as elaboraron, non se poden tramitar ata que o Ministerio faga oficial os reais decretos. Unha vez os publiquen e se complementen coa parte galega, a Xunta deberá remitir os textos á Asesoría Xurídica Xeral para a súa consulta, deberán pasar os trámites de información oportunos, co informe preceptivo do Consello Escolar e informe favorable do Consello Consultivo de Galicia.

“Realizar estes trámites supón unha media de sete meses, polo que, aínda axustando os tempos, o retraso do Ministerio vainos obrigar a publicar os documentos finais no mes de setembro”, lamentou o conselleiro. “As CCAA seguimos atadas para poder completar canto antes o proceso de implantación dunha lei que se aprobou hai 15 meses”, engadiu.

O conselleiro volveu lamentar o sentido da nova lei educativa, “que mina a cultura do esforzo e dá luz verde ao aprobado xeral”. “A LOMLOE aposta por obviar os suspensos, no canto de procurar o reforzo de competencias. Pecha oportunidades aos alumnos, porque oculta as súas faltas no canto de ofrecerlles vías para solucionalas e convertelas en fortalezas, tal e como queda de manifesto no currículo de ESO aprobado onte”, explicou.

A este respecto, Román Rodríguez puxo en valor o modelo galego, cuxos resultados están avalados polo éxito en informes como o PISA e pola redución do abandono educativo, que o pasado curso rexistrou o dato mínimo histórico do 8,1%.

Organización do vindeiro curso

Por outra banda, o conselleiro solicitou ao Ministerio información sobre a organización do vindeiro curso desde o punto de vista sanitario. “Estamos ás portas do último trimestre e pensamos que é conveniente comezar a planificar o próximo con anticipación, previsión e certezas”, explicou.

“Estamos nun momento optimista e confiemos que así siga, pero debemos ir coñecendo como se vai transmitir isto ao día a día dos centros de ensino”, rematou.

Imaxes relacionadas