A Xunta pon en marcha o dispositivo de atención sanitaria aos refuxiados e refuxiadas procedentes de Ucraína

Ao redor de 40 cidadáns procedentes de Ucraína foron atendidos hoxe no punto habilitado na sala Eisenman da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela

A atención que se lles presta é sanitaria, exame do estado de saúde, cribados e vacinas, e tamén atención de tipo administrativo, posto que se lles tramita a alta na base de datos do Sergas.

Os particulares, ou entidades que acollen refuxiados e refuxiadas, deben solicitar cita a través do correo electrónico desplazados.ucrania@sergas.es

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022

O conflicto que ten lugar en Ucraína está a provocar nos últimos días o desprazamento de numerosas persoas dese país cara a Galicia. Como consecuencia, debe proporcionarse a estas persoas o mesmo nivel de protección sanitaria que ao resto da cidadanía galega en canto ás medidas de prevención e control de enfermidades.
Esta atención ten que ser coordinada e necesita dun protocolo de actuación para unha primeira toma de contacto que englobe tanto a atención sanitaria como as actuacións en saúde pública. Os resultados desta primeira atención deben estar dispoñibles para os profesionais sanitarios co obxectivo de facer o seguimento do estado de saúde desta poboación, polo que deben ser incorporados aos sistemas de información existentes no Sergas.

Solicitude de cita

A falta de cifra oficial, calcúlase que hoxe hai en Galicia ao redor dun millar de desprazados e desprazadas. Compre salientar, ademais, que para poder beneficiarse da sanidade pública necesitan ter o Número de Identificación Estranxeiro (NIE), que se xestiona en dependencias policiais. O seguinte paso para obter a cita é solicitala a través do correo electrónico desplazados.ucrania@sergas.es.

Un equipo formado por profesionais do Servizo Galego de Saúde atenderá aos cidadáns ucraínos coa axuda dun intérprete.
Os puntos de atención están organizados en varios espazos, con postos de tramitación administrativa para a xestión de documentación sanitaria atendidos por persoal administrativo do Sergas; postos sanitarios, atendidos por persoal técnico de saúde de atención primaria e persoal de enfermería, para a atención sanitaria; e postos de atención psicolóxica.

Alta no sistema de información

No posto de tramitación administrativa, o persoal procederá a realizar a alta administrativa na base de datos do Sergas, proporcionándolle á persoa a documentación sanitaria que acredite o aseguramento.
Profesionais do Sergas realizará unha anamnesis (información recopilada mediante preguntas específicas) á persoa desprazada. O resultado da valoración sanitaria recollerase nun informe no que figurarán as alerxias e antecedentes familiares de enfermidades; os tratamentos farmacolóxicos actuais; o estado de vacinación; discapacidades, lugar no que reside, e conviventes. A información recabada incluirase na historia clínica electrónica e estará dispoñible para futuras atencións tanto en atención primaria coma hospitalaria.

Cribados

Pola súa banda, o persoal de enfermería realizará probas de diagnóstico da infección tuberculosa en persoas de 14 ou máis anos; extracción sanguínea para probas serolóxicas (hepatite e VIH) en persoas de 14 ou máis anos; e probas de antíxenos covid, si presentan síntomas compatibles e pertence a un grupo vulnerable.
Sinalar, así mesmo que o GIPCE, Grupo de Intervención Psicolóxica en Emerxencias do 112 prestará, en todo momento, a súa colaboración nestes puntos de atención.
Destacar a complexidade do protocolo debido, en primeiro lugar, á barreira idiomática, e en segundo lugar porque todas as persoas desprazadas necesiten ter o NIE.

Imaxes relacionadas